Podemos – Marea de Vigo piden uns orzamentos participativos e Xuntas de Distrito

Podemos – Marea de Vigo estamos convencidos de que a mellor maneira de administrar os recursos públicos é democratizando a xestión dos mesmos, e os Orzamentos Participativos son a mellor ferramenta para favorecer a participación cidadá activa e a democracia participativa. Tamén queremos Xuntas de Distrito e desconcentrar a xestión municipal.

Podemos – Marea de Vigo propoñemos impulsar no noso municipio mecanismos para que a cidadanía viguesa poida decidir democraticamente o destino dos recursos públicos, procurando entre todas as mellores solucións ás necesidades existentes no noso Concello.

A coalición Podemos – Marea de Vigo desexa desenvolver en Vigo mecanismos que sirvan para promover uns orzamentos participativos que consigan dotar a xestión dos recursos públicos municipais de maior transparencia e eficiencia, e que poida abrirse un debate entre o conxunto da cidadanía viguesa, os representantes políticos e o persoal técnico sobre o uso do diñeiro público que, en definitiva, procede dos impostos da cidadanía viguesa.

Para Podemos-Marea de Vigo os orzamentos participativos favorecerían unha maior transparencia e eficiencia na xestión municipal. Ademais estamos seguros que melloraría a comunicación entre a administración municipal e a cidadanía viguesa, porque xerarían espazos de interlocución entre representantes públicos, veciños/as, colectivos sociais e persoal técnico.

Temos o convencemento que coa aplicación duns orzamentos participativos favoreceríase un proceso aberto a toda a veciñanza, que posibilitaría a participación directa de todas as persoas, superando así a lóxica reducionista baseada na participación representativa, que se limita á acción de votar cada catro anos. Por outra banda, Podemos – Marea de Vigo avogamos por que sexa un proceso autorregulado, é dicir, que son os propios participantes os que deciden como deben ser as «regras do xogo» que deben rexer o proceso. Cos orzamentos participativos fomentariamos a reflexión activa e a solidariedade por canto todos os veciños e veciñas terían a oportunidade de coñecer e dialogar sobre os problemas e demandas do resto da veciñanza.

En resumo os Orzamentos Participativos conducen a un dialogo público sobre diñeiro, investimentos e gastos, pero tamén sobre novos espazos de participación, de profundización democrática na vida local, de participar para decidir. En definitiva supoñen unha apropiación dos asuntos públicos por parte da cidadanía, o que no fondo constitúe a esencia da democracia.

Por outra banda, Podemos – Marea de Vigo defendemos a necesidade de desconcentrar e descentralizar a xestión municipal. Para iso queremos impulsar unhas Xuntas de Distrito que serían órganos creados co obxectivo de facilitar a Participación Cidadá nos asuntos locais e achegar a administración á veciñanza das diferentes parroquias. 

Para Podemos – Marea de Vigo as Xuntas de Distrito poderían converterse nun foro participativo plural onde estivesen representados proporcionalmente os grupos políticos e as entidades cidadás da súa contorna e os colectivos dos barrios.

Pensamos que as Xuntas de Distrito achegarían os servizos municipais á cidadanía, pois nas súas sedes daríase información sobre toda a actividade municipal no barrio concreto e do resto do municipio en xeral. Igualmente poderíanse presentar consultas e propostas ao Pleno da Xunta de Distrito, que posteriormente podería ser trasladadas ao pleno do Concello de Vigo.

Deja un comentario