💜🏡✊ Hoxe en Vigo falamos do que realmente importa. Paz, Casa e Traballo.
Queremos unha Galicia en paz, onde a vivenda sexa un dereito e non un negocio, e onde traballar permita vivir con dignidade. Tres prioridades que necesitan compromiso político, organización colectiva e unha voz firme no Congreso.
Este xoves temos unha oportunidade para compartir ideas, debater propostas e fortalecer un proxecto político ao servizo da maioría social.
Contaremos coa participación de Mari Camiña, Lucas Meda, Souadou Mohamed e Julio Rodríguez.
📍 Sede de Podemos Vigo, rúa Celso Emilio Ferreiro, 9, baixo.
🗓️ Xoves, 26 de novembro.
🕕 18:00 horas.
Non queremos que a política se faga de costas á xente. Queremos escoitar, compartir e construír alternativas desde os barrios e coa participación de todas e todos.
A paz, a vivenda e o traballo digno merecen unha voz no Congreso.
Agardámoste. Ven, participa e axúdanos a facer posible o cambio.
Estamos ás portas dun novo 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación das Violencias contra as Mulleres. Desde PODEMOS VIGO facemos un chamamento ás mulleres de Vigo e da súa bisbarra para que ocupen as rúas, participen nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista galego e ergan a voz contra todas as formas de violencia machista. Porque a violencia contra as mulleres non comeza nin remata nas agresións físicas. Ten raíces estruturais, maniféstase de múltiples maneiras e atravesa todos os ámbitos da nosa sociedade.
En Vigo, como no resto de Galicia, o patriarcado tamén se expresa nas condicións materiais nas que vivimos. Exprésase na desigualdade salarial, na precariedade laboral, na temporalidade, na parcialidade non desexada e nas dificultades para acceder a un emprego digno. Maniféstase na fenda de xénero das pensións, na distribución desigual dos traballos domésticos e na responsabilidade desproporcionada que seguen asumindo as mulleres no coidado das crianzas, das persoas maiores e das persoas en situación de dependencia. Son desigualdades que condicionan a autonomía económica e reducen as posibilidades reais de decidir sobre a propia vida.
A crise do custo da vida tampouco afecta a todas as persoas por igual. O encarecemento da vivenda, dos alugueiros, da electricidade, dos alimentos e dos combustíbeis agrava unhas desigualdades que xa existían. Cando os salarios son máis baixos, cando se depende economicamente doutra persoa ou cando unha parte importante dos ingresos se destina a manter un fogar, a capacidade para afrontar unha situación de violencia machista queda seriamente limitada. Non é o mesmo poder marchar dunha relación violenta contando con ingresos propios, unha vivenda alternativa e unha rede de apoio que ter que escoller entre a propia seguridade e a posibilidade de quedar sen casa, sen recursos ou sen medios para sacar adiante as fillas e os fillos.
Por iso debemos situar a violencia económica no centro do debate feminista. A dependencia financeira, o control dos cartos, a privación de recursos, a imposibilidade de acceder a unha vivenda e a falta de oportunidades laborais poden converterse en mecanismos de dominación que prolongan as situacións de violencia. Non abonda con dicirlle a unha muller que denuncie ou que abandone o seu agresor. É imprescindíbel garantir que poida facelo sen quedar desprotexida, sen perder a súa vivenda, sen caer na pobreza e sen ter que afrontar soa todas as consecuencias dunha decisión que pode ser determinante para a súa supervivencia.
Esta realidade agrávase cando as administracións debilitan os servizos públicos dos que depende a autonomía das mulleres. Os recortes, a privatización e a insuficiencia dos recursos sanitarios, educativos e sociais trasladan ás familias responsabilidades que deberían contar cunha resposta pública suficiente. E, dentro das familias, son maioritariamente as mulleres quen acaba asumindo ese traballo invisíbel e non remunerado. A dependencia non pode converterse nunha condena para as mulleres que coidan nin nunha razón para expulsalas do mercado laboral e recluílas novamente no ámbito doméstico. A corresponsabilidade e un sistema público de coidados digno deben ser dereitos garantidos, non privilexios condicionados pola renda ou pola capacidade económica de cada familia.
En Galicia, esta cuestión interpela directamente as políticas da Xunta. Cómpre cuestionar un modelo de atención á dependencia que non garanta recursos públicos suficientes, atención profesional e servizos de proximidade, e que poida acabar facendo recaer sobre as mulleres unha parte desproporcionada dos coidados. En Vigo, esta reivindicación ten unha dimensión moi concreta. Necesitamos atención primaria e saúde mental accesíbeis, servizos sociais dotados de recursos, escolas infantís suficientes, centros de día, atención á dependencia, alternativas habitacionais e unha rede de protección que acompañe as mulleres antes, durante e despois de abandonar unha situación de violencia.
Pero a dimensión económica e institucional non esgota as expresións do patriarcado. Tamén está presente no acoso sexual e nas violencias que sofren as mulleres nos espazos públicos e laborais, na explotación sexual, na trata, na violencia dixital, no control sobre os seus corpos e na persistencia de estereotipos que cuestionan a súa liberdade. Está tamén na falta de accesibilidade e de respostas adaptadas ás mulleres con discapacidade, nas dificultades específicas das mulleres migrantes e nas discriminacións que se acumulan cando o xénero se cruza coa clase social, a orixe, a idade ou a diversidade sexual. Non todas as mulleres experimentan a violencia do mesmo xeito nin dispoñen dos mesmos recursos para afrontala.
Por iso, combater o patriarcado esixe unha resposta feminista integral. Esixe prevención e educación en igualdade, protección efectiva das vítimas, independencia económica, emprego digno, vivenda accesíbel, servizos públicos fortes e un sistema de coidados que non descanse sobre o sacrificio silencioso das mulleres. Esixe tamén que as institucións deixen de mirar para outro lado, que non minimicen as violencias e que non convertan os dereitos conquistados polo movemento feminista nun campo de batalla política.
Fronte á ofensiva antifeminista e aos discursos que negan ou relativizan a violencia machista, reivindicamos o feminismo como unha ferramenta imprescindíbel para conquistar igualdade, liberdade e xustiza social. Porque non hai igualdade real cando unha muller non pode abandonar unha relación violenta por non ter cartos, cando non pode acceder a unha vivenda ou cando debe renunciar ao seu proxecto de vida para asumir en solitario os coidados.
Desde PODEMOS VIGO chamamos a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego este 25 de novembro. Queremos unha cidade na que ningunha muller teña que escoller entre a súa liberdade e a súa supervivencia, entre vivir sen violencia e conservar un teito, entre traballar e coidar.
A violencia machista non é un problema privado. É unha cuestión política, social, económica e democrática. E combatela é unha responsabilidade colectiva.
💜 25N: As políticas machistas matan: fronte ao fascismo, máis feminismo.
Imos xuntas á mani! 🙌✨
📅 Día: Mércores, 25 de novembro
⏰ Hora: 19:00 h
📍 Lugar: Cruce Vía Norte, Vigo.
Vémonos nas rúas! 💪💜
#25N #Feminismo #Vigo #FeminismoGalego #PODEMOS
25N: MANIFESTACIÓN CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTASPAREMOS AS VIOLENCIAS MACHISTASPODEMOS
🕊️ PAZ, CASA E TRABALLO. Tres prioridades para transformar a vida da maioría social.
Este xoves, 26 de novembro, ás 18.00 h, temos unha cita na sede de Podemos Vigo, rúa Celso Emilio Ferreiro, 9. Acto de campaña para compartir propostas, debater e coñecer de primeira man as persoas que representan este proxecto político.
Contaremos coa participación de Mari Camiña, Lucas Meda, Souadou Mohamed e Julio Rodríguez, nun encontro aberto á militancia, ás persoas inscritas, ás simpatizantes de Podemos e ao conxunto da cidadanía viguesa e bisbarra.
Nun momento no que están en xogo dereitos fundamentais, necesitamos espazos de encontro, participación e organización colectiva. A paz, o dereito a unha vivenda digna e unhas condicións de traballo xustas deben estar no centro da acción política.
📅 Xoves, 26 de novembro 🕕 18.00 h 📍 Sede de Podemos Vigo Rúa Celso Emilio Ferreiro, 9, baixo.
A túa presenza tamén forma parte deste encontro. Participa!
Onte, martes 17 de novembro, o Círculo de Podemos Vigo celebrou na súa sede da rúa Celso Emilio Ferreiro, 9, unha reunión de planificación e organización da campaña electoral, coa presenza do compañeiro Lucas Meda (candidato de PODEMOS ao Congreso por Pontevedra).
Un encontro de traballo colectivo para coordinar esforzos, preparar a campaña e levar ás rúas de Vigo un proxecto político comprometido coa transformación social e coa defensa dos dereitos da maioría social.
Con ilusión, organización e forza colectiva, poñémonos en marcha para defender Paz, Casa e Traballo. Porque os dereitos conquístanse organizándonos e loitando xuntas.
Desde Podemos defendemos un proxecto colectivo que poña as persoas e os seus dereitos no centro das políticas públicas.
Paz, fronte ás guerras, ao militarismo e ao rearmamento. Os recursos públicos deben estar ao servizo da vida, dos servizos públicos e da cooperación entre os pobos.
Casa, porque a vivenda é un dereito humano, non un negocio. Defendemos a intervención do mercado do alugueiro para baixar os prezos, a mobilización das vivendas baleiras e a garantía dunha alternativa habitacional para ninguén quedar na rúa.
Traballo, con salarios dignos, estabilidade, dereitos laborais, redución da xornada e defensa da industria e do comercio local.
Queremos un país no que vivir non sexa un luxo, traballar permita vivir dignamente e a paz sexa unha prioridade.
Paz, Casa e Traballo. Dereitos para a maioría social.
Militantes, inscritas e activistas de Podemos nas rúas de Vigo en defensa do dereito a unha vivenda digna.
Luz Calia Miramontes Sequeiros e Óscar Lomba Álvarez na manifestación polo dereito a vivenda en Vigo
Militantes, inscritas e activistas do Sindicato de Inquilinas que forman parte de Podemos Vigo participaron este sábado na multitudinaria manifestación celebrada en Vigo en defensa do dereito a unha vivenda digna.
A mobilización, convocada pola Alianza pola Vivenda de Vigo, reuniu miles de persoas nas rúas da cidade para denunciar unha crise habitacional que está expulsando á clase traballadora e á mocidade do dereito a vivir dignamente en Vigo. A marcha percorreu o centro da cidade desde Vía Norte ata a Porta do Sol baixo o lema «Vivenda, solucións permanentes xa!».
Desde Podemos Vigoconsideramos imprescindible que a vivenda deixe de ser tratada como unha mercadoría e sexa garantida como un dereito. Non podemos normalizar alugueiros imposibles, a especulación, a acumulación de vivendas por grandes propietarios, os pisos baleiros nin os desafiuzamentos sen alternativa habitacional.
A mobilización deste sábado 3 de outubro demostra que existe unha sociedade organizada disposta a defender o dereito á vivenda e a esixir respostas políticas á altura do problema. Entre as reivindicacións trasladadas na rúa están o control dos alugueiros, a declaración de Vigo como zona tensionada, a ampliación do parque público de vivenda, a limitación dos pisos turísticos e a adopción de medidas contundentes contra a especulación.
Para Podemos Vigo, a resposta debe pasar pola mobilización social e por políticas públicas que poñan a vivenda ao servizo das persoas e non dos intereses especulativos. A participación de militantes, inscritas e activistas vinculadas ao Sindicato de Inquilinas expresa ese compromiso coa loita polo dereito a teito.
A vivenda é un dereito. E os dereitos deféndense organizándose, mobilizándose e loitando.
Vigo a debate abre as Primarias Municipais 2027 á asistencia da cidadanía viguesa.
Podemos Vigo celebrará mañá, venres 2 de outubro, un debate aberto con motivo das Primarias Municipais para elixir a candidatura que concorrerá ás eleccións municipais de maio de 2027.
O encontro terá lugar o venres 2 de outubro ás 19:30 horas na sede de Podemos Vigo, na rúa Celso Emilio Ferreiro, número 9, e estará aberto á participación de inscritas, inscritos, militantes e da cidadanía de Vigo en xeral.
Dúas candidaturas participan neste debate, que se articulará arredor de cinco eixos temáticos para abordar un proxecto de cidade para Vigo: vivenda e modelo de cidade; servizos públicos, sanidade e educación; feminismo e igualdade LGTBIQA+; economía local e emprego; e transición ecolóxica.
Vigo a debate será un espazo para contrastar propostas, compartir visións sobre o futuro da cidade e favorecer a participación no proceso de Primarias Municipais de Podemos Vigo.
(Convocamos aos medios de comunicación15 minutos antes: 19:15 h.)
As eleccións municipais non deberían ser só unha cita coas urnas cada catro anos. A participación cidadá ten que comezar moito antes e continuar moito despois.
Queremos falar de Vigo, pero tamén escoitar. Coñecer as preocupacións, as propostas e os soños da veciñanza. Porque unha cidade democrática non se constrúe dende arriba, senón coa participación activa de quen a habita.
Por iso abrimos este espazo para falar, debater, propoñer e participar.
📅 Venres 4 de setembro 🕗 20:00 h 📍 Sede de Podemos Vigo · Rúa Celso Emilio Ferreiro, 9
Falemos das municipais. Falemos de Vigo. Pero, sobre todo, participemos na construción do Vigo que queremos.