Militantes, inscritas e activistas de Podemos nas rúas de Vigo en defensa do dereito a unha vivenda digna.

Militantes, inscritas e activistas do Sindicato de Inquilinas que forman parte de Podemos Vigo participaron este sábado na multitudinaria manifestación celebrada en Vigo en defensa do dereito a unha vivenda digna.
A mobilización, convocada pola Alianza pola Vivenda de Vigo, reuniu miles de persoas nas rúas da cidade para denunciar unha crise habitacional que está expulsando á clase traballadora e á mocidade do dereito a vivir dignamente en Vigo. A marcha percorreu o centro da cidade desde Vía Norte ata a Porta do Sol baixo o lema «Vivenda, solucións permanentes xa!».
Desde Podemos Vigo consideramos imprescindible que a vivenda deixe de ser tratada como unha mercadoría e sexa garantida como un dereito. Non podemos normalizar alugueiros imposibles, a especulación, a acumulación de vivendas por grandes propietarios, os pisos baleiros nin os desafiuzamentos sen alternativa habitacional.
A mobilización deste sábado 3 de outubro demostra que existe unha sociedade organizada disposta a defender o dereito á vivenda e a esixir respostas políticas á altura do problema. Entre as reivindicacións trasladadas na rúa están o control dos alugueiros, a declaración de Vigo como zona tensionada, a ampliación do parque público de vivenda, a limitación dos pisos turísticos e a adopción de medidas contundentes contra a especulación.
Para Podemos Vigo, a resposta debe pasar pola mobilización social e por políticas públicas que poñan a vivenda ao servizo das persoas e non dos intereses especulativos. A participación de militantes, inscritas e activistas vinculadas ao Sindicato de Inquilinas expresa ese compromiso coa loita polo dereito a teito.
A vivenda é un dereito. E os dereitos deféndense organizándose, mobilizándose e loitando.




