PODEMOS VIGO E A NOSA POLÍTICA MUNICIPAL

PODEMOS VIGO E A NOSA PROPOSTA PARA A VIGO:

ANALISE DA XESTIÓN DE ABEL CABALLERO E PROPOSTA POLÍTICA ALTERNATIVA:

 

* A NOSA VALORACIÓN DA XESTIÓN DOS ANOS DE GOBERNO DO PSOE NA ÚLTIMA DÉCADA:

A nosa valoración non é positiva. O goberno de Caballero partía das mellores condicións posíbeis, pero non as aproveitou. Se temos en conta só os 10 primeiros anos de goberno de Caballero en Vigo deberiamos subliñar que recibiu máis de 2.500 millóns de euros e destes só dedicou a investimentos 300 millóns. Ao noso xuízo a xestión da actual Xunta de Goberno Local non foi boa. Non se produciu unha transformación da cidade. Dedicáronse inxentes cantidades de recursos a beirarrúas, lousas e baldosas. Non se desenvolveron proxectos estratéxicos de importancia. Non se construíron novas urbanizacións. Non se crearon vivendas de protección oficial. Vendéronse moitas das que había antes. Non se construíron novas zonas verdes… Fomentouse o enfrontamento permanente e a ficción do inimigo exterior levounos ao illamento de Vigo.

Caballero baseou a súa política no enfrontamento gratuíto. Enfrontamento con moitas administracións públicas, co Celta de Vigo, coa Xunta de Galicia, co Goberno central antes de que chegase Pedro Sánchez, cos concellos do Área metropolitana… co resultado dunha cidade illada e con menos aliados. En xeral a nosa opinión é que houbo mala xestión…

Engadirímos que coa suspensión do PXOM a situación urbanística de Vigo retrocedeu 25 anos. O Tribunal Supremo tombou o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo que levaba en vigor desde o ano 2008. A sentenza do Supremo, atendendo ao recurso interposto por unha asociación veciñal cualificou como “radicalmente nula” a tramitación ambiental “indebidamente xustificada”. A caída da achaiadura devolveu á cidade á situación urbanística do ano 1993, con miles de vivendas ilegais.

A nulidade da achaiadura urbanística de Vigo é un problema do Concello de Vigo e tecnicamente falando a súa solución está no propio Concello, sen que se poida descargar esta responsabilidade na Comunidade Autónoma.

Estimamos que o gasto social en Vigo foi insuficiente. E non o dicimos nós. O informe anual da asociación de directoras e xerentes dos servizos sociais cualifica de «precario» o gasto social por habitante de Vigo, xa que simplemente dedícanse uns 42,43 euros por habitante. O estudo, realizado cos datos publicados polo Ministerio de Facenda e Administracións Locais recolle os 384 municipios con máis de 20.000 habitantes e mostra as cifras reais sobre gasto social. Mentres cidades como Santurce e Baza lideran o listado con máis de 200 euros por habitante, ou cidades como Barcelona e Zaragoza superan os 100 euros habitante, Vigo sitúase nunha zona baixa da táboa con pouco máis de 42 euros.

* O NOSO MODELO POLÍTICO DE CIDADE. A NOSA VISIÓN POLÍTICA ALTERNATIVA PARA VIGO:

O noso modelo de cidade é ben diferente do modelo de Caballero. A política implica as relacións de poder en todas as súas formas, e esa política institucional é só un dos moitos eidos nos que estas relacións de poder se desenvolven a cotío. Por iso afirmamos que a explotación laboral é política, ou que as desigualdades na vida doméstica son política. Porque a negociación e o debate institucional son só un capítulo máis na xestión diaria da conflitividade social. Pero este feito nótase especialmente no ámbito municipal, onde: por unha banda, os conflitos sociais adoptan formas próximas e accesibles; e por outra banda, o enfoque institucional destes conflitos sofre, aínda máis que noutros niveis, a falta de medios reais para cambiar as cousas.

Opinamos que Vigo debe recuperar o dinamismo perdido. A riqueza da nosa cidade é creada de xeito agregado e cooperativo e achamos que é necesario repartila dun xeito xusto. Esa é a clave para construír un novo modelo produtivo que favoreza o benestar de toda a cidadanía viguesa e que modifique o modelo de cidade. Durante os últimos anos aceptouse estoicamente por parte dos distintos gobernos municipais exclusivamente unha economía baseada no sector naval, a automoción ou o comercio e o emprendemento individual. O resto da economía viguesa estivo «impulsada» por unha elite egoísta e obtusa, composta por individuos como Fernández Gayoso e Pego Alonso da antiga entidade financeira NovaGalicia Banco, Manuel Fernández de Sousa e Alfonso Paz Andrade de PESCANOVA, González Viñas e García Costas no sector naval…que favoreceron unha economía especulativa.

Fronte a ese modelo fracasado opinamos que é necesario favorecer a recuperación da economía viguesa e debería potenciarse a investigación, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica, é dicer, o I +D+ i. É necesaria unha nova industria que impulse a produción innovadora, creativa, con alto valor engadido e un comercio adaptado ás necesidades reais dos vigueses e viguesas. Habería que impulsar unha economía do próximo, un comercio local baseado nas iniciativas cooperativas, as empresas de economía social e as redes de economía solidaria que respecten o medio ambiente e os dereitos dos traballadores e traballadoras. Cremos que é necesario elaborar un Plan de Desenvolvemento Local de Vigo. Sería moi necesario un amplo debate cidadán para a preparación dun Plan de Desenvolvemento Local e un Plan Estratéxico para o Desenvolvemento Económico de Vigo e a súa área de influencia. Ese futuro plan estratéxico debería ser elaborado por expertos pero con achegas da propia cidadanía a través de métodos participativos, un plan deseñado para axudar a mellorar a calidade de vida da poboación de Vigo, rompendo as dinámicas de marxinación e que poña énfase na poboación máis indefensa, como as mulleres e os mozos.

Para iso teriamos que impulsar un gran debate cidadán e de sectores implicados co obxectivo de crear un consorcio de empresas públicas co apoio da comunidade autónoma, do propio concello e da universidade de Vigo.

Ao mesmo tempo pensamos que habería que crear un Instituto de Crédito Municipal e unha sociedade de capital risco que axudarán ao financiamento de proxectos complementarios de desenvolvemento local baixo a protección e o control público. En resumo habería que priorizar as persoas fronte ao formigón.

EN RESUMO, O NOSO MODELO POLÍTICO MUNICIPAL PARA PODEMOS VIGO:

1.- A nosa visión prioriza as persoas. A nosa organización pon no centro os dereitos das persoas e a xustiza social. O traballo, a vivenda, a equidade, os dereitos sociais, a saúde, a educación, o ben común, en definitiva, a vida, deben estar no centro das nosas políticas municipais.

2.- A nosa política municipal promoverá sempre unha economía e unha ecoloxía baseadas no ben común. Queremos un concello que colabore coa cidadanía para innovar na democratización da economía e dos coidados e defender a nosa contorna natural, o medio ambiente da nosa cidade e do planeta no seu conxunto. Dende o noso concello, coa cidadanía, debemos impulsar unha economía social e solidaria, unha xestión colectiva dos bens comúns, un novo modelo enerxético e de mobilidade.

3.- Queremos unha administración pública municipal eficiente, honesta, transparente e aberta. Hai que acabar cos privilexios políticos, os cacicazgos, o enchufismo e o nepotismo dende o ámbito máis próximo. Debemos promover políticas de transparencia e rendición de contas para facilitar o control, a participación e a colaboración cidadás nunha administración aberta á intelixencia colectiva.

4.- Sen mulleres non hai municipalismo transformador. Queremos nas institución e no Concello de Vigo mulleres e que se feminice a nosa axenda política. Queremos un Concello de Vigo que pense en feminino, no urbanismo, nos orzamentos, nas políticas sociais, nas formas de funcionar…

5.- Cremos que deberiamos xuntarnos con outras moitas persoas, cidadáns e cidadás comprometidas co noso concello e que compartan obxectivos comúns. Hai que unir esforzos para transformar a realidade do noso municipio, dende a diversidade e o empoderamento cidadán, coa vontade de representar á maioría.

6.- É necesario construír consensos para avanzar xuntas. Temos que afrontar os distintos puntos de vista e intereses da militancia e inscritas de Podemos Vigo con mecanismo de participación abertos leven a Nosa mensaje a amplos segmentos da cidadanía viguesa e que favorezan unha mobilización baseada na colaboración, na deliberación para o entendemento e na procura das mellores solucións que nos fagan avanzar nos obxectivos comúns.

7.- PODEMOS VIGO debería impulsar unha organización política horizontal, participativa, aberta e eficiente. A nosa visión colectiva é que é necesario impulsar PODEMOS VIGO cunha organización horizontal, aberta ao público. Dende PODEMOS VIGO debemos impulsar métodos de traballo que faciliten e fagan efectivo este traballo aberto, non xerárquico que permita a conciliación. E tamén hai que evitar a dependencia económica das entidades financeiras como fixemos ata agora.

8.- Hai que consultar á cidadanía, e tamén render contas ante o noso concello. Os programas electorais, as listas das nosas candidaturas, as grandes decisións municipais, temos que decidilas coa cidadanía. Render contas perante a cidadanía das nosas decisións, do noso traballo e dos nosos orzamentos. Os orzamentos municipais deben ser participativos.

9.- Temos que traballar e conectarnos en rede. Potenciar a conexión e colaboración entre a nosa militancia, inscritas, e veciñas e veciños do noso municipioa. Procuraremos o apoio mutuo, a suma de forzas, a coordinación dende a autonomía local para influír na política municipal e supramunicipal.

10.- Por último, cremos que hai que ter un espírito gañador, para transformar a realidade con valentía. Temos que denunciar privilexios, desigualdades e ruínas ecolóxicas, pero, sobre todo, hai que loitar para chegar ao goberno municipal para poñer toda a nosa enerxía ao servizo das persoas e do ben común.

CONTACTO PODEMOS VIGO:

SEDE PODEMOS VIGO: Rúa Celso Emilio Ferreiro, 9. Vigo.

Teléfonos de Contacto:

Teléfonos:

696983948 / 682164333 / 604008371

Correo electrónico:

vigo@circulospodemos@info

PÁXINA WEB DE PODEMOS GALICIA: https://galicia.podemos.info/

REDES SOCIAIS DE PODEMOS VIGO:

FACEBOOK

TWITTER

INSTAGRAM

Deja un comentario