












Podemos – Marea de Vigo celebramos o Día das Letras galegas desde unha postura reivindicativa, coa vontade de defender a nosa lingua e o seu uso normalizado en todos os eidos, tamén na administración municipal, que está obrigada a potenciar a extensión e o uso normalizado da nosa lingua.
A difusión e normalización da lingua galega na Administración Pública Municipal, a capacitación lingüística do persoal que traballa en Concello de Vigo e a súa difusión e promoción deben ser unha tarefa prioritaria e irrenunciable.
O Concello de Vigo conta cun Plan de dinamización lingüística, aprobado polo pleno, que está aínda sen desenvolver. Este plan, anticipou algunhas liñas mestras do Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNL), que derrogou o PP, garante e crea ferramentas para a normalización lingüística do galego. Nós propoñemos, por tanto, defender o desenvolvemento do devandito plan que favoreza o uso e protección do galego, desde o respecto á diversidade cultural viva na nosa cidade pero consciente de que formamos parte dunha cultura e identidade singular que enriquece a todo o mundo.
A normalización lingüística é un proceso social que procura a xustiza no ámbito sociolingüístico, para que os galegos e as galegas poidamos manter a visión do mundo desde a óptica que so nos pode dar a lingua propia do noso territorio. É responsabilidade de todos e todas contribuírmos deste xeito a manter a diversidade e a riqueza lingüística e cultural do mundo, para que poidamos manter esas visións e chamarlles ás cousas cos nomes xenuínos que aquí se lles deron.
Por iso, desde Podemos – Marea de Vigo defendemos que todas as administracións, e o Concello de Vigo entre elas, teñen o deber legal e a responsabilidade social de apoiar e promover ese proceso e, así, deben implementar políticas lingüísticas activas, dinámicas e integradoras que poñan en valor a nosa lingua propia e que fomenten o seu uso e prestixio en todos os ámbitos, para procurar que o galego se use con normalidade no comercio, no deporte, no asociacionismo, entre a mocidade, nas novas tecnoloxías, no ensino, na cultura, na comunicación, no lecer, nas empresas, nos parques, os centros de saúde e calquera outro eido cotián.
Por todo o exposto, a coalición Podemos – Marea de Vigo participamos activamente na manifestación que se desenvolveu nas rúas do centro da nosa cidade durante o pasado 17 de maio e que fora convocada pola Plataforma Queremos Galego.


