
Fronte á concepción puramente decorativa e estética, Podemos – Marea de Vigo defende a ampliación substancial da superficie forestal, novas zonas boscosas que dean sombra e permitan atenuar os picos climáticos que están a darse de maneira xeralizada en todas as nosas cidades
Hoxe membros da coalición Podemos – Marea de Vigo participamos nunha xornada reivindicativa, organizada polas veciñas e veciños do Parque García Picher, unha xornada de reivindicación das superficies arboradas, das zonas verdes da nosa cidade .
Unha xornada na que militantes de Podemos e Marea de Vigo botaremos unha man na limpeza deste parque, un parque desatendido, abandonado e que está agora mesmo suxeito a un proxecto urbanístico de modificación substancial, onde será creada unha superficie axardinada.
Na nosa coalición entendemos que hai que repensar a estratexia planificación de zonas verdes e de parques e xardíns no Concello de Vigo. No noso programa, unha das propostas programáticas que nós expuxemos, e que vai en sintonía coa axenda política de zonas verdes que se están facendo noutras grandes cidades de Europa, é a substitución paulatina destas zonas axardinadas, que teñen un carácter estritamente ornamental, con plantas de tempada, que teñen un custo de mantemento e un uso dos caudais de rega que provoca un gasto de auga excesivo. Fronte á concepción puramente decorativa e estético dos deseños axardinados, a nosa coalición defende a substitución paulatina deses xardíns decorativos por zonas verdes, por superficie forestal, por zonas boscosas que dean sombra e permitan atenuar os picos climáticos que por desgraza están a darse de maneira xeralizada en todas as nosas cidades. A nosa proposta programática que recolle ideas, propostas en materia de urbanismo sostible, que se están facendo noutras cidades europeas como Paris ou Barcelona. Pretendemos incrementar a masa arborada no centro da cidade e noutros moitos lugares de Vigo. Non substituír as arboles xa crecidas ou maduras que temos no noso termo municipal por zonas axardinadas cun fin puramente ornamental. Pensamos que esa visión do axardinamento urbano ten un grave custo ambiental. Está estudado cientificamente que o uso de auga para a rega nese tipo de zonas axardinadas é un 60 % maior que nas superficies arborizadas. E imos defender esta política alternativa que permite gañar en biodiversidade, pero tamén en calidade e equilibrio ambiental e que ademais mellora o deseño sostible da nosa cidade. Todo isto vai igualmente ligado á necesidade de reducir o impacto que teñen os gases de efecto invernadoiro derivados das emisións de CO2 do tráfico rodado no centro da cidade, implantando unha política seria e rigorosa de zonas de baixas emisións, e tamén conecta coas políticas desenvolvidas por nós durante as dúas lexislaturas anteriores, fronte ás políticas irracionais e antiecolóxicas de tronzado masivo de árbores centenarias que existían na nosa cidade, como o caso de Rolda de Don Bosco ou como está a ocorrer noutras moitas supostas humanizacións da nosa cidade. E con este apoio á acción reivindicativa, dos veciños e veciñas do Parque García Picher, tamén queremos poñer en valor que se ten que escoitar aos veciños, pois o conxunto da veciñanza quere manter os seus parques con árbores e especies autóctonas. A maioría dos veciños e veciñas non queren zonas puramente decorativas.
Podemos – Marea de Vigo opinamos que en Vigo realizáronse demasiadas obras e “humanizacións grises”, sen ampliar os espazos verdadeiramente naturais, cunha ocupación progresiva dos solos por cemento, lousas e baldosas e nas que a natureza vai retrocedendo en favor do cemento. Cremos que é necesario crear novos espazos verdes, levar adiante unha verdadeira renaturalización da nosa cidade, plantar novas árbores, protexer a biodiversidade e loitar contra o cambio climático.
Os espazos verdes urbanos melloran a calidade de vida e a saúde das persoas, xa que reducen a contaminación filtrando o aire. Absorben o balbordo producido polo rodamento dos vehículos, axudan a suavizar a temperatura da cidade, rebaixándoa no verán e manténdoa constante no inverno. Estes espazos verdes urbanos son auténticos oasis na cidade e favorecen a socialización, a convivencia e o benestar emocional das persoas.
Por iso estamos convencidos que é necesario rexeitar o proxecto anunciado por Abel Caballero para a praza García Picher. A intención do Concello de Vigo é remodelar e redistribuír o espazo, onde na actualidade hai un fermoso parque de 290 metros cadrados, e converter devandita parcela en algo que pouco ten que ver co que ten que ser un espazo verde e natural.

