
Podemos – Marea de Vigo defendemos unha mellora substancial das instalacións deportivas de Vigo e máis apoio municipal ao deporte de base
Podemos – Marea de Vigo entendemos o deporte base como unha parte máis das necesidades da veciñanza de Vigo, pois sabemos que o sedentarismo é un dos principais inimigos da saúde. A aposta decidida de Podemos – Marea de Vigo por converter Vigo nunha cidade saudable ponse de manifesto en toda unha serie de propostas que dan prioridade ao exercicio físico e á práctica deportiva e lúdica de calidade e con garantías para toda a cidadanía viguesa. Cremos que hai que recuperar o espazo público para o deporte, porén sempre deberá ser para un uso inclusivo e accesible, algo que faremos apoiando aos clubs deportivos da cidade, aos equipos xuvenís e contando con todos os colectivos deportivos de base. Igualmente ampliaremos e melloraremos as instalacións, equipamentos e escolas deportivas municipais, para garantir que o deporte feminino gañe espazo, e colaboremos estreitamente con todas as asociacións veciñais que queiran impulsar iniciativas e programas formativos deportivos nas parroquias.
Podemos – Marea de Vigo propomos a elaboración dun Plan Estratéxico Municipal de Instalacións Deportivas, para analizar as necesidades de equipamentos e instalacións en Vigo e a súa área metropolitana. Incluirá unha planificación da reforma, rehabilitación e mantemento de todas os equipamentos e instalacións existentes nos barrios e a periferia da cidade e a creación de pavillóns e escolas deportivas nos barrios. Realizaremos unha reforma integral das pista de atletismo e o conxunto de instalacións deportivas de Balaidos. Achegaremos o deporte de base tamén aos centros educativos coa creación de novas escolas deportivas de iniciación aos deportes minoritarios. Recuperaremos igualmente a piscina da Etea e a súa área deportiva para o barrio de Teis.
Defendemos a creación dunha Escola Municipal de deportes náuticos que dote a Vigo dun servizo público e accesible que facilite as prácticas deportivas no mar.
Podemos – Marea de Vigo queremos que se cre unha Escola Municipal de Ciclismo e da Bicicleta para facilitar a mobilidade pola cidade de Vigo e nun futuro tamén pola súa área metropolitana.
Desenvolveremos un programa formativo itinerante polos barrios, no espazo público, vinculado aos espazos, instalacións e equipamentos deportivos e físicos ao aire libre (circuítos de running, parques biosaudables, etc) para favorecer a práctica de exercicio saudable e seguro na nosa cidade.
Estimamos que é necesario un incremento substancial de elementos que favorezan e impulsen a práctica deportiva de base e lúdica no espazo público: canastras e outros elementos de xogos en equipo interxeracionais, ademais de parques biosaudables.