A coalición Podemos – Marea de Vigo transformará o modelo de xestión dos servizos sociais en Vigo.
Para Podemos – Marea de Vigo é necesario incrementar substancialmente o orzamento municipal dos Servizos Sociais Comunitarios coa dotación de recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, cumprindo os rateos profesionais de atención social e comunitaria necesarios. Defendemos un gasto social de 100 euros por habitante como mínimo. Asegurar, desde os Servizos Sociais Comunitarios, que toda a cidadanía poida acceder a recursos e prestacións suficientes para vivir de maneira digna, dentro dun dispositivo global e coherente de loita contra a pobreza e a exclusión social, con axudas sociais áxiles e directas. Ademais defendemos un Plan de Inclusión Social transversalizado que debería coordinar a súa actuación e implicar ao conxunto de políticas municipais en materia de emprego, vivenda, mocidade, sanidade e educación. Queremos remunicipalizar o Servizo SAF.

Podemos – Marea de Vigo critican a concepción dos servizos sociais do actual goberno municipal de Abel Caballero. Os Servizos Sociais municipais actualmente en Vigo son reactivos, atendendo de maneira deficiente e insatisfactoria as demandas que reciben de persoas que viven no noso territorio urbano. Pensamos que é escaso ou nulo o traballo de prevención das situacións de vulnerabilidade e risco de exclusión social.
Opinamos que predomina un enfoque asistencialista, ineficiente e paternalista, centrado simplemente en determinadas carencias. Os actuais responsables políticos de servizos sociais terminan favorecendo a cronicidade e, coas consecuentes listas de espera, con risco de colapso.
Podemos – Marea de Vigo entendemos que actualmente non se afrontan os grandes problemas sociais e colectivos da cidadanía viguesa e foméntase o individualismo e o illamento social, debido a que na maioría das intervencións non se realiza unha actuación integral e nin sequera se atenden correctamente as necesidades básicas relacionadas coa subsistencia vital, sendo o Concello de Vigo en boa medida un mero xestor de esmirradas prestacións, sen tempo real, na maioría dos casos, para desenvolver itinerarios que non terminan de fomentar un verdadeiro apoio real, a consecución da autonomía plena e o empoderamento dos colectivos vulnerables.
Consideramos que o Concello de Vigo é a administración principal á hora de xestionar as políticas de Benestar Social e servizos sociais prestados á cidadanía, xa que é a institución máis próxima ás necesidades sociais da poboación. Defendemos a atribución de competencias en materia de servizos sociais e promoción e reinserción social que establece a Lei de Bases de Réxime Local para “promover toda clase de actividades e prestar cuantos servizos públicos favorezan a sa satisfacción de necesidades da comunidade veciñal»
Para Podemos – Marea de Vigo é necesario incrementar substancialmente o orzamento municipal dos Servizos Sociais Comunitarios coa dotación de recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, cumprindo os rateos profesionais de atención social axeitados. Gasto social de 100 euros por habitante como mínimo. Asegurar, desde os Servizos Sociais Comunitarios, que toda a cidadanía poida acceder a recursos e prestacións suficientes para vivir de maneira digna, dentro dun dispositivo global e coherente de loita contra a pobreza e exclusión social, con axudas sociais áxiles e directas.
Podemos – Marea de Vigo temos a firme vontade de eliminar a situación de extrema precariedade e desamparo na que se atopan as persoas usuarias dos colapsados servizos sociais do Concello de Vigo, dándolle prioridade á redución dos actuais tempos de espera nas citas de atención social, especialmente nos casos de solicitudes de prestacións de primeira necesidade.
Unha das prioridades de Podemos – Marea de Vigo é a revisión exhaustiva de todos os contratos coas entidades privadas, especialmente o do SAF, coa vista posta na remunicipalización da prestación dos servizos sociais. Cremos que hai que combater urxentemente os intentos de privatizar os servizos sociais e comprometémonos a buscar vías para reverter as privatizacións xa executadas.
Para Podemos – Marea de Vigo as necesidades que deben abordarse desde os servizos sociais municipais son derivados de problemas estruturais e por tanto a actuación municipal debe realizarse de maneira transversal deseñando un plan integral de servizos sociais que implique ao conxunto de concellerías e ese Plan de Inclusión Social transversalizado debería coordinar a actuación do conxunto de políticas municipais en materia de emprego, vivenda, mocidade, sanidade e educación.
Desenvolveremos un Plan de mellora de accesibilidade, en colaboración cos colectivos de persoas con diversidade funcional, para a eliminación de barreiras arquitectónicas na cidade de Vigo.
Crearemos, en colaboración coa Xunta de Galicia, un segundo albergue para persoas sen teito e en situación de rúa.
Comprometémonos, tamén, a dotar aos servizos sociais do Concello dun parque de vivenda de emerxencia a xestionar directamente polas Unidades Básicas de Atención Social (UBAS).
