


Rubén Pérez centrou a súa intervención na vivenda. O resto de candidatas e candidatos falaron de democracia e orzamentos participativos, muller e feminismo, remunicipalización de servizos e emprego
Meli Vázquez iniciou a súa intervención falando da necesidade de recuperar a democracia participativa en Vigo. A xuízo de Vázquez en Vigo retrocedemos na interlocución entre a cidadanía e o goberno municipal. Caballero ordena e manda, pero descoñece o que é o dereito de participación cidadá, que é un xeito de democracia no que os cidadáns teñen maior capacidade para decidir as políticas do seu barrio e da súa cidade, por medio do diálogo e o consenso. Eses mecanismos democráticos, como os orzamentos participativos, que converten os concellos en institucións moito máis abertas, plurais, transparentes e radicalmente democráticas. Nós levaremos adiante en Vigo ese instrumento para que as viguesas e os vigueses poidan decidir democraticamente, como e en que vanse orientar os gastos, e de que maneira vanse utilizar os recursos económicos e que investimentos teñen que facerse na nosa cidade.
Eva Solla falou de feminismo e das medidas para mellorar a vida das mulleres que viven nos concellos onde goberna Unidas Podemos. Falou tamén da necesidade de que os concellos artellen medidas para combater a violencia de xénero.
Posteriormente interviu Serafín Valencia Triviño que falou polos Verdes Equo e fixo alusión ao modelo de cidade sostible e ao noso proxecto para converter Vigo nunha cidade máis verde e sostible. Vigo debería incrementar as súas zonas verdes e parques arborizados, frontes aos xardíns ornamentais. Queremos un centro urbano deseñado para mellorar o seu impacto ambiental positivo mediante a planificación e a xestión urbana. Implementar as Zonas de Baixas Emisións (ZBE). Falou, tamén, de cuestións recollidas no noso programa para transformar a mobilidade na nosa cidade: Máis e mellores espazos peonís, beirarrúas libres de obstáculos, fomentar o uso da bicicleta, pero sobre todo mellor o servizo do transporte público en Vigo. Deberiamos avanzar cara a unha reordenación e ampliación de liñas en Vitrasa, ademais de avanzar tamén na remunicipalización do servizo.
Carlos Vázquez, de Recortes Cero, falou do programa de emprego da Coalición en Vigo. Tamén fixo alusión ás remunicipalizacións de servizos privatizados. Revisaremos a contratación pública do Concello de Vigo, evitando que devanditas contratacións se efectúen con mecanismos de selección arbitrarios ou pouco transparentes.Combateremos o nepotismo. Defendeu tamén a remunicipalización de servizos privatizados, como a empresa de auga ou a de transporte.
Rubén Pérez centrou a súa intervención na vivenda. Defendeu que actualmente o problema de vivenda en Vigo é notorio. O prezo do alugueiro na nosa cidade está polas nubes. Defendeu a nosa proposta programática para paliar o acceso a unha vivenda digna dos colectivos máis vulnerables da nosa cidade. Somos a garantía para aplicar a lei de Vivenda. Ademais falou dos datos de poboación que publicou recentemente o Instituto Nacional de Estatística que seguen diferindo excesivamente con respecto aos que manexa o Concello de Vigo a través do seu padrón. O organismo estatal cifra en 292.374 os habitantes da cidade, mentres que o censo municipal fala de 301.609 persoas. Rubén Pérez salientou que a “oficialidade” das cifras do INE, plasman unha “realidade” fronte aos números “cacarexados permanentemente” por Abel Caballero. O candidato á Alcaldía de Vigo por Podemos – Marea de Vigo avogou por aumentar a poboación promovendo alugueiros máis económicos.
A esa rebaixa das rendas contribuiría a creación de vivenda en réxime de alugueiro social. Podemos-Marea de Vigo apostará por habilitar 4.000 pisos no vindeiros catro anos para loitar contra o aumento das contías que se están pedindo na cidade para arrendar un inmoble.
Despois das intervencións celebramos unha Festa fin de Campaña.








