REFORMA LABORAL E MELLORA DOS DATOS DE EMPREGO EN VIGO.

Podemos opina que os datos de desemprego marcan un dos niveis máis baixos dos últimos anos en Vigo, porque estamos comezando a percibir os efectos derivados da Reforma Laboral elaborada por Unidas–Podemos. Estamos convencidas que a nosa cidade está a vivir a mellor etapa en canto a creación de emprego por mor da aprobación da Reforma Laboral. A aprobación da devandita Reforma Laboral supuxo unha revisión profunda da lexislación laboral española para adaptala á nova realidade laboral, tecnolóxica e ecolóxica pospandemia do noso país, pero é soamente o primeiro paso deste proceso transformador que acabamos de comezar.

A Reforma Laboral conseguiu eliminar os aspectos máis regresivos e lesivos das reformas laborais anteriores que impediron que a xente recuperase os niveis de benestar previos á crise de 2008 e que foron escritas ao ditado da troika e co beneplácito da CEOE e as elites empresariais. 

Desde Podemos Vigo queremos trasladar á cidadanía viguesa a nosa satisfacción diante dos datos de emprego rexistrados na nosa cidade. En marzo deste ano como indicou algún xornal hai varios días, rexistráronse 108.710 afiliacións, é dicir, case 2000 máis que no mesmo mes de 2022. Para Podemos Vigo un dos factores principais, que favoreceu esta mellora substancial dos datos de emprego, é a Reforma Laboral.

Como salientou ese mesmo xornal, os datos demostran ademais que a fenda de xénero reduciuse na nosa cidade, xa que atoparon traballo 54.948 mulleres fronte a 53.771 homes. E o emprego xuvenil tamén mellorou ao atopar traballo no mes de marzo 4.230 menores de 25 anos. 

Para Podemos Vigo estes datos indican que a Reforma Laboral que impulsamos está a dar os seus froitos e a cidadanía viguesa xa está a percibir os seus efectos positivos. Coa Reforma Laboral conseguimos nun ano o que non se conseguiu durante os 40 anos anteriores.

Ademais hoxe mesmo soubemos que os datos de paro rexistrado publicados polo Servizo Público de Emprego (SEPE) amosan unha nova baixada do paro no mes de maio, concretamente de 49.260 persoas con respecto a abril. Despois de tres meses consecutivos de descenso, o total de desempregados sitúase en 2.739.110, a cifra máis baixa dun mes de maio desde 2008. Do mesmo xeito, o inicio da tempada estival tamén se aprecia na afiliación, que volveu medrar este mes en 200.411 persoas, superando por primeira vez na historia de España os 20,8 millóns de afiliados.

Desde Podemos Vigo queremos salientar que estes datos constitúen un fito histórico indiscutible, e estamos convencidas que esta reforma laboral supón unha clara recuperación e unha evidente mellora dos dereitos laborais da clase traballadora.

Deja un comentario