NON QUEREMOS SUMAR SEN ELAS

Por: Rita Velasco Graña *

Nestes momentos convulsos que vivimos no eido social e político do noso país, as mulleres seguimos soportando desigualdade e discriminación. Enfrontámonos a situacións de violencia, abusos e desigualdade tanto no noso fogar, como na nosa contorna laboral e na nosa vida cotiá, só polo feito de sermos mulleres. Ao anteriormente exposto hai que engadir a triste noticia do sábado pasado cando coñecemos a morte de Vanesa, muller de corenta e catro anos, ameazada pola súa exparella, un garda civil do cal tiña unha orde de afastamento. Soubemos polos medios que malia o seu comportamento e os constantes malos tratos, seguía en activo. Simplemente retiráronlle a arma regulamentaria e destinárono a tarefas administrativas. Como se entende que alguén que pertence a un corpo de seguridade do estado, que debería estar para protexernos a todas, e que sabéndose que é un maltratador con orde de afastamento e pendente de xuízo, se lle permita seguir exercendo as súas funcións profesionais e continuar atendendo á cidadanía coma se non pasase nada? Como se entende, que coñecéndose a facilidade coa que un garda civil pode ter acceso a armas de fogo fóra do circuíto legal, e con todo a situación de perigo fose avaliada como de risco medio? Como se entende que se protexa máis ao maltratador que a muller vítima de malos tratos? Non se tomaron as medidas de protección necesarias e o resultado é unha nova morte por violencia machista.

Lamentablemente. E por desgraza non é o primeiro caso. Recentemente coñeciamos outro caso dun policía local ao que se lle impuxo unha orde de afastamento que quebrantou, e que seguía traballando en tarefas administrativas no Concello de Vigo. Vergoñoso. E ata que foi ditada a sentenza, o Alcalde da nosa cidade, Abel Caballero, considerou que o mellor era mantelo atendendo ao público… E mentres a súa exparella aterrorizada sen poder saír soa á rúa. Por que consentimos todo isto?

No marco de todas estas noticias e envoltos nunha nova convocatoria electoral para o vindeiro 23 de xullo entendo que todas debemos reflexionar.

Agora, neste momento crucial, cando se está a negociar en Madrid a incorporación de Podemos ao proxecto Sumar, impulsado por Yolanda Díaz, temos que poñer en valor, máis que nunca, o papel que xogan políticas como Irene Montero e Ione Belarra, e as súas loitas contra a violencia de xénero neste país, desenvolvidas acertadamente desde o Ministerio de Igualdade. Dúas mulleres que nunca dan un paso atrás na defensa dos nosos dereitos e que loitaron e loitan incansablemente por lexislar para axudar ás mulleres vítimas desta praga social chamada VIOLENCIA DE XÉNERO e que ademais poñen os medios necesarios para acabar cos asasinatos de mulleres (e moitas veces dos seus fillos). Que impulsan campañas para concienciar e educar en igualdade. Que defenden un modelo afastado da actual sociedade machista, patriarcal e androcéntrica.

Dúas grandes políticas que teñen que estar presentes en SUMAR, se o final chega o acordo. Elas demostraron nestes catro anos de goberno de coalición que tiñan moi claro cal era o seu obxectivo á fronte deste Ministerio e que non ían consentir que os seus socios de goberno cambiasen nin unha coma das normas e proxectos de lei que prometeron defender perante o seu electorado e as súas votantes.

Non queremos SUMAR sen IRENE MONTERO e IONE BELARRA.

Tedes todo o noso apoio incondicional.

Con políticas como vós, quédanos claro máis que nunca o lema de Unidas Podemos: SI SE PODE.

Grazas ás dúas, dóuvolas como militante, muller e nai de dúas fillas que quero que vivan nun país valente, un país Monterista e Belarrista.

* Rita Velasco Graña é militante de Podemos Vigo.

Deja un comentario