
Podemos Vigo considera que a violencia machista é un dos principais problemas aos que se enfronta a nosa sociedade. Segundo un recente informe da Axencia de Dereitos Fundamentais da Unión Europea (FRA), unha de cada tres mulleres sufrimos a violencia machista ao longo da nosa vida, é dicir, sufrimos violencia por sermos mulleres. A violencia machista é un fenómeno estrutural, un xeito de control que busca manter as mulleres en posicións sociais subordinadas. Trátase dun tipo específico de violencia na medida en que se basea na situación de desigualdade e nas relacións de poder dos homes sobre as mulleres. Aparece en diferentes graos, sendo o asasinato a consecuencia máis terrible. Podemos é unha organización comprometida cos dereitos humanos, e entende que un dos dereitos máis básicos é o dereito das mulleres a unha vida libre de violencia.
Erradicar esta lacra significa investir os nosos esforzos na prevención. A violencia machista é a consecuencia dunha sociedade patriarcal na que aínda persisten as desigualdades contra as mulleres: lamentar os efectos sen atacar as causas non é suficiente. Impulsar unha educación comprometida coa igualdade é fundamental se queremos un mundo cunha cidadanía libre que poida escoller o seu destino e o seu proxecto de vida independentemente do seu sexo. Só unha sociedade que non impón un determinado destino ás persoas en función do seu sexo é unha sociedade de cidadáns libres e iguais.
Por iso Podemos Vigo, como proxecto colectivo comprometido cos dereitos humanos, é unha organización feminista xa que aposta pola loita contra todos os xeitos de discriminación, e especialmente contra a discriminación da muller como un dos principais problemas que aínda persisten na nosa sociedade.
Facemos un chamamento a sociedade viguesa para que participe activamente na manifestación do 25 de novembro de 2023 que sairá ás 20:00 horas desde o cruce da Vía Norte con Urzaiz.
Participa e difunde!



