
Verdade e xustiza para Villa Pitanxo
Por: * Benjamin Gutiérrez Huerta
(Tradución ao galego: Alberte Cid García)
A falta de sensibilidade da administración ou mesmo o fatalismo dunha sociedade que asume o accidente sen espírito crítico, como algo que xa pasou e é inevitable.
————————————————————————————————————————————————
O aniversario do accidente do Villa de Pitanxo, permítenos achegarnos a unha realidade, a dos accidentes mortais no traballo, que habitualmente pasa desapercibida na nosa sociedade.
721 mortos en accidente laboral en 2023 en España, sen contar os miles de feridos e feridas graves, en moitos casos en accidentes evitables a través da prevención e a correcta organización do traballo. A pingueira constante de mortes no traballo, apenas ocupa unhas liñas nos medios e case non teñen repercusións, a non ser en casos como este. Onde polo número de mortes e as características do sucedido, déronlle ata notoriedade internacional.
O caso que nos ocupa, aínda está na súa vía xudicial e cunha gran cobertura mediática, que nos permite case seguir, o día a día das investigacións. Non é momento pois para facer xuízos de valor ou adiantarnos aos que virá. Pero se podemos xa analizar o ámbito. A dureza do traballo no mar e como segue sendo un dos temas pendentes. Por riba de quen sexa o armador ou o capitán ao mando, a necesidade dunhas condicións laborais dignas, que en moitos casos séguense sen dar. Especialmente a pesca en altura, conleva situacións únicas, de meses de mareas por moito menos soldo do que se imaxina a xente. A maioría dos consumidores de pesca de altura, sorprenderíanse das condicións da súa captura: longas xornadas en mareas, dureza do traballo e condicións,…
Volvendo ao caso do Villa Pitanxo, o que se pon enriba da mesa, son o cumprimento das normativas, a difícil realidade do día a día cando se conviven 24 horas en espazos tan reducidos, o papel fundamental da inmigración en traballos non desexados como estes. A falta de sensibilidade da administración ou mesmo o fatalismo dunha sociedade que asume o accidente sen espírito crítico, como algo que xa pasou e é inevitable. Por iso o Villa Pitanxo pode ser tan importante, se fai ver que debe investigarse os accidentes con todos os medios posibles, se se asume que non son realidades fatais se non feitos a analizar e xulgar, dos que darase sentenza e medidas para evitar que non volvan suceder.
Na actualidade son veciño de Cangas do Morrazo, polo que son parte dunha sociedade local, onde este accidente foi un mazazo. Onde a determinación das familias e o apoio institucional de proximidade, foi fundamental, para que hoxe o Pitanxo siga sendo actualidade e chegue ata o final. Proveño dunha familia mineira, dunha realidade asturiana onde as mortes na mina eran algo habitual, ata que se tomaron as medidas axeitadas e demostrouse que era posible frear a traxedia, que non se debían asumir as mortes como algo inevitable. Por iso neste segundo aniversario do Pitanxo, xunto ás homenaxes e o apoio ás familias, refórzase a determinación de chegar á verdade do sucedido, para que nunca a máis poida darse unha situación así. Para que non se cumpra aquel cantar galego que di:
A vida de mariñeiro
é triste a máis non poder-e:
en busca do peixe sae
sen saber se ha de volver-e.
————————————————————————————————————————————————
Madrid –
16 de Feb, 2024 06.00
accidentes laborais, Galicia, inmigración, Pitanxo
Benjamín Gutiérrez Huerta. Licenciado en Xeografía e Historia na Facultade de Oviedo. Foi representante estudantil na Universidade, dirixente da UJCE e membro do CF do PCE. Combina o seu labor histórico, coa reivindicación da Memoria e a importancia do movemento obreiro. Foi Director da Fundación Juan Muñiz Zapico de CCOO de Asturias durante 18 anos.
Texto orixinal publicado en Diario Red:
Verdad y justicia para Villa Pitanxo
Por: Benjamin Gutiérrez Puerta
Alberte Cid García é economista e traductor.
