DEREITO Á INFORMACIÓN E Á CULTURA

Óscar Lomba presentou hoxe en Bouzas o programa europeo de Podemos para democratizar a información, a cultura e o deporte

O candidato ao Parlamento Europeo explicou as medidas clave do Capítulo 7 do programa de Podemos ás Eleccións Europeas 2024 para garantir o acceso equitativo á información e á cultura.

Hoxe domingo 2 de xuño, o equipo de campaña de Podemos Vigo estivo presente no mercadiño de Bouzas, onde o candidato ao Parlamento Europeo 2024, Óscar Lomba, presentou o programa de Podemos para Europa, centrado no Capítulo 7: Dereito á Información, Cultura e Deporte. Lomba salientou a importancia de democratizar estes ámbitos para garantir unha sociedade máis xusta e equitativa.

Entre as medidas presentadas, Lomba subliñou a necesidade de limitar a concentración do poder mediático, propoñendo que bancos e fondos voitre só poidan alcanzar un 10% da propiedade dos medios de comunicación. Esta iniciativa ten como obxectivo asegurar que os grandes poderes financeiros non poidan controlar a comunicación e a formación da opinión pública.

Tamén se propuxo a creación dun Observatorio Europeo da Desinformación para combater os bulos e as noticias falsas, así como unha rede social pública europea baixo control democrático que ofreza unha alternativa ás redes sociais privadas.

A creación dunha radiotelevisión pública europea foi outra das medidas salientadas, cunha xestión independente e transparente para promover unha identidade compartida baseada nos valores da UE.

Lomba explicou que un Pacto Europeo pola Cultura garantiría a independencia, accesibilidade e sustentabilidade do sector cultural europeo. Ademais, propuxo aumentar os recursos destinados á cultura e reducir o IVE dos produtos culturais para facelos máis accesibles.

O recoñecemento da diversidade cultural e lingüística europea foi outro punto clave do programa, así como a promoción de intercambios culturais e a potenciación do patrimonio audiovisual compartido.

Finalmente, o candidato salientou a importancia de impulsar un Estatuto Europeo do Traballador e Traballadora da Cultura para garantir os seus dereitos laborais e a protección social, así como o control dos beneficios derivados da difusión e distribución da cultura para asegurar que cheguen a quen realmente traballa neste sector.

Óscar Lomba concluíu a súa intervención facendo un chamamento á cidadanía para apoiar estas medidas e construirmos xuntas unha Europa máis inclusiva, democrática e culturalmente rica.

Deja un comentario