Podemos e o Comercio Exterior na U.E

PODEMOS PRESENTA O SEU PROGRAMA SOBRE COMERCIO EXTERIOR PARA AS ELECCIÓNS EUROPEAS DE 2024

Podemos rexeita a Tratado UE-Mercosur e avoga por un comercio xusto e sostible na Unión Europea

Nun acto celebrado na sede de Podemos Vigo, o candidato de Podemos por Vigo presentou o programa de Podemos sobre Comercio Exterior para as eleccións europeas de 2024, centrado nunha visión transformadora do comercio exterior e a relación da Unión Europea cos seus socios comerciais. O programa propón medidas que priorizan os dereitos humanos, a sustentabilidade ambiental e a xustiza económica.

No marco da súa campaña para as eleccións europeas de 2024, Podemos deu a coñecer o seu programa de comercio exterior, cunha énfase especial na necesidade de renegociar ou paralizar tratados comerciais que non cumpren cos principios fundamentais da Unión Europea. O candidato de Podemos por Vigo, Óscar Lomba, salientou a importancia de rexeitar o Tratado de Comercio Unión Europea-Mercosur, argumentando que a súa aprobación prexudicaría as condicións laborais e os modos de vida de agricultores e gandeiros en ambas as rexións, ademais de fomentar a deforestación e o aumento de emisións de gases de efecto estufa.

O programa de Podemos avoga por unha renegociación dos acordos que non respecten os principios de coherencia política da UE, salientando a necesidade de protexer o interese público, o traballo digno e a sustentabilidade ambiental. Así mesmo, proponse a prohibición de comercializar produtos provenientes de asentamentos ilegais en territorios ocupados, como os Territorios Palestinos Ocupados e o Sahara Occidental.

Podemos tamén defende a democratización e transparencia na negociación de tratados internacionais, promovendo que os mandatos negociadores sexan votados tanto no Parlamento Europeo como nos parlamentos nacionais. Ademais, o programa insiste en que os dereitos humanos deben prevalecer sobre os intereses corporativos, e propón medidas contundentes para terminar coa impunidade das multinacionais, incluíndo a adopción dun regulamento de debida dilixencia aplicable a todas as empresas transnacionales europeas.

Outra das propostas salientables é a eliminación dos privilexios dos investidores estranxeiros, quen deberá estar suxeitos ás mesmas leis que os nacionais, e o fin do comercio de armas que poidan ser usadas para violacións de dereitos humanos.

Na súa presentación, o candidato Óscar Lomba tamén subliñou a importancia dun comercio que contribúa ao desenvolvemento mutuo e sostible, rexeitando as políticas extractivistas e priorizando o desenvolvemento de capacidades e a transferencia tecnolóxica nos países do Sur global.

Podemos comprométese a impulsar a creación dun tratado internacional que garanta o acceso equitativo a medicamentos, materiais médicos e vacinas, loitando contra a especulación sanitaria. Así mesmo, propón unha política comercial feminista que inclúa avaliacións de impacto de xénero nos acordos comerciais.

Finalmente, o programa de Podemos contempla unha reforma integral da Organización Mundial do Comercio para asegurar unha política comercial e de investimento máis xusta e equitativa, e a prohibición do financiamiento público de proxectos que agraven o cambio climático ou violen os dereitos humanos en países en desenvolvemento.

Podemos reitera o seu compromiso cun comercio exterior xusto e sostible, que poña ás persoas e ao medio ambiente por riba dos intereses económicos.

Deja un comentario