

Crónica do Acto de Podemos en Pontevedra: Un Clamor contra o Control das Elites
Hoxe, na Alameda de Pontevedra, o candidato vigués de Podemos ás Eleccións ao Parlamento Europeo, Óscar Lomba, ofreceu unhas verbas apaixonadas e críticas sobre as limitacións da democracia en España. Ante unha audiencia dunha morea de persoas, Lomba denunciou o secuestro da democracia por parte das elites económicas e políticas, centrándose na hexemonía cultural e o control mediático.
As súas palabras comezaron cunha reflexión sobre a verdadeira esencia da democracia, que segundo Lomba debería ser «goberno do pobo, polo pobo e para o pobo». Porén, advertiu que en realidade vivimos nunca democracia secuestrada, unha fachada que oculta o verdadeiro control exercido por unha pequena minoría.
Lomba citou a Antonio Gramsci para explicar como as elites utilizan a hexemonía cultural para manter o seu poder, controlando non só os aparellos do Estado, senón tamén as ideas e valores prevalentes na sociedade. Salientou o papel esencial dos medios de comunicación neste proceso, mencionando especificamente a conglomerados como Atresmedia e Mediaset, e acusou aos seus propietarios de ter intereses económicos e políticos que distorsionan a narrativa pública.
O candidato de Podemos denunciou a falta de independencia da xustiza española, argumentando que os altos tribunais e o Consello Xeral do Poder Xudicial están dominados por nomeamentos políticos. Este control, dixo, permite ás elites bloquear ou promover decisións que afectan a toda a cidadanía, perpetuando un sistema desigual.
Tamén criticou o poder económico desproporcionado das grandes corporacións e o sector financeiro, sinalando as políticas de austeridade e os rescates bancarios como exemplos de como os intereses duns poucos prevalecen sobre o ben común. Lomba salientou a precarización do traballo e a crecente desigualdade como síntomas dun sistema deseñado para beneficiar ás elites e a oligarquía.
No ámbito do exercito e as forzas e corpos de seguridade do Estado, Lomba mencionou a tendencia das forzas armadas e de seguridade a protexer os intereses das elites, citando casos de represión de movementos sociais e criminalización da protesta. Lembrou os comentarios do ex-xeneral Francisco Beca como un exemplo da hostilidade de sectores reaccionarios cara a calquera intento de cambio.
Ademais, Lomba falou do programa de Podemos ás Eleccións Europeas 2024 en relación á manipulación informativa. Entre as medidas presentadas, subliñou a necesidade de limitar a concentración do poder mediático, propoñendo que bancos e fondos voitre só poidan alcanzar un 10% da propiedade dos medios de comunicación. Esta iniciativa ten como obxectivo asegurar que os grandes poderes financeiros non poidan controlar a comunicación e a formación da opinión pública. Tamén se propuxo a creación dun Observatorio Europeo da Desinformación para combater os bulos e as noticias falsas, así como unha rede social pública europea baixo control democrático que ofreza unha alternativa ás redes sociais privadas. A creación dunha radiotelevisión pública europea foi outra das medidas salientadas, cunha xestión independente e transparente para promover unha identidade compartida baseada nos valores da UE.
O acto concluíu cun intenso debate entre os asistentes, que expresaron a súa preocupación e apoio ás propostas de Lomba. O candidato insistiu na necesidade dunha cidadanía activa e comprometida para lograr unha verdadeira democracia, chamando á organización e mobilización social.
A xornada na Alameda de Pontevedra deixou patente a urxencia dun cambio profundo no sistema democrático e o papel fundamental da sociedade civil e Podemos neste proceso.




————————————————————————————————————————————————
Resumo da Intervención de Óscar Lomba:
Boa tarde a todas e todos,
A democracia, na súa esencia máis pura, debería ser o goberno do pobo, polo pobo e para o pobo. Porén, o que vemos na realidade cotiá é unha democracia secuestrada, unha fachada que oculta o verdadeiro control exercido por unha pequena minoría. Este é un problema que atravesa as nosas sociedades, tanto en España como no resto de Europa, e que debemos abordar con valentía e claridade.
Para entender como chegamos a esta situación, debemos ollar á historia e aos fundamentos filosóficos e teóricos que nos permiten desenmascarar o poder oculto das elites. Antonio Gramsci ensinounos que o poder non se sostén unicamente pola forza bruta, senón que tamén opera a hexemonía cultural. As elites dominantes non só controlan os aparellos do Estado, senón tamén as ideas e valores que prevalecen na sociedade. Logran que os seus propios intereses sexan percibidos como os intereses da maioria social, e que o seu dominio sexa percibido como natural e inevitable.
Gramsci falaba da «hexemonía cultural» como a capacidade das clases dominantes para facer que os seus valores e normas sexan aceptados pola maioría como o sentido común. Esta hexemonía exércese a través de institucións como a educación, a relixión, a cultura dominante e, especialmente, os medios de comunicación. En España, como en moitos outros lugares, os medios de comunicación están concentrados en mans dunhas poucas corporacións que responden aos intereses das elites económicas. Esta concentración de medios asegura que as narrativas dominantes reforcen o statu quo e dificulten calquera desafío serio ao seu poder.
Cando observamos os medios de comunicación en España, atopamos un claro exemplo desta dinámica. Grandes conglomerados mediáticos como Atresmedia e Mediaset dominan a paisaxe informativa e de lecer, e os seus propietarios teñen intereses económicos e políticos que van moito máis alá do simple negocio da información. Isto non é unha cuestión de teoría conspirativa; é unha realidade palpable. Os directores destes medios relaciónanse estreitamente cos grandes poderes económicos e políticos, e isto reflíctese na liña editorial das súas noticias e programas.
Non é casualidade que as voces críticas co poder establecido teñan tan pouca presenza nos grandes medios. As plataformas que deberían servir para a expresión libre e pluralista de ideas convértense en ferramentas de propaganda para manter o poder en mans duns poucos, dunha elite. A manipulación da información, a difusión de trolas e a criminalización da disidencia son prácticas comúns que vemos repetirse unha e outra vez.
Un caso paradigmático deste control mediático é o de Antonio García Ferreras, director da Sexta. Os audios filtrados nos que conspira co comisario Villarejo e outros personaxes escuros da armazón de poder en España mostran como se urden campañas para desacreditar a adversarios políticos e manter o control sobre a narrativa pública. A existencia mesma destas conspiracións pon en dúbida a independencia dos medios e a integridade do sistema democrático.
Porén o poder das elites non se limita aos medios de comunicación. Tamén se estende á xudicatura, outro piar fundamental da nosa sociedade. A independencia xudicial é un principio básico en calquera democracia, porén en España, esta independencia está gravemente comprometida. Os altos tribunais e o Consello Xeral do Poder Xudicial están dominados por nomeamentos politicos que responden a intereses partidistas e económicos. A xustiza, que debería ser cega e imparcial, convértese así nun instrumento máis ao servizo das elites.
A batalla polo control do Consello Xeral do Poder Xudicial é un exemplo claro de como a dereita entendeu a importancia deste órgano para manter o seu poder. Controlar a xudicatura significa ter a capacidade de bloquear ou promover leis e decisións que afectan profundamente á vida dos cidadáns. Significa, en última instancia, ter o poder de decidir sobre cuestións fundamentais como os dereitos laborais, a igualdade de xénero, a xustiza fiscal e moitos outros temas que determinan o benestar da maioría.
Outra dimensión crucial do control das elites é o poder económico. As grandes corporacións e os sectores financeiros teñen unha influencia desproporcionada na política e a economía. A crise económica de 2008 e a posterior xestión da mesma demostraron claramente como os intereses duns poucos poden prevalecer sobre o ben común. Os rescates bancarios, a austeridade e os recortes sociais foron políticas deseñadas para protexer aos ricos a expensas da maioría. A socialización das perdas e a privatización das ganancias convertéronse nunha norma na nosa economía.
Esta dinámica reflíctese tamén no ámbito laboral. A precarización do traballo, a erosión dos dereitos laborais e a crecente desigualdade son síntomas dun sistema deseñado para beneficiar a uns poucos, para favorecer aos poderosos e a oligarquía. As reformas laborais impostas polos gobernos de quenda, baixo a presión de organismos internacionais e poderes económicos, debilitaron a posición da clase traballadora e fortaleceron ao empresariado e aos banqueiros. O resultado é unha sociedade cada vez máis desigual, onde a riqueza concéntrase en mans duns poucos mentres a maioría loita por chegar a fin de mes.
Neste contexto, o papel das forzas de seguridade e o exército non pode ser subestimado. Estas institucións, que deberían servir ao pobo, con frecuencia convértense en gardiáns da orde establecida. Os militares, a policía e demais corpos e forzas de seguridade do estado serven aos intereses das elites. A represión de movementos sociais e a criminalización da protesta son tácticas utilizadas para manter o control e disuadir calquera desafío ao poder desas elites. A historia está chea de exemplos de como as forzas armadas e de seguridade foron utilizadas para reprimir ás maiorías en beneficio dunha minoría.
En España, vimos como os sectores máis reaccionarios do exército posicionáronse claramente en contra de calquera intento de cambio. Teño na miña memoria aquelas novas aparecidas nos medios de comuncación nas que Francisco Beca, ex-xeneral do exécito do aire enviaba a un chat de whatApp unhas mensaxes nas que dicia que “non queda máis remedio que empezar a fusilar a 26 millóns de fillos de puta [referíndose aos sectores da esquerda]”.
Porén non todo está perdido. A historia tamén nos ensina que as elites non son invencibles. Os movementos sociais, as loitas sindicais, as organizacións de base e os partidos políticos comprometidos coa xustiza social demostraron unha e outra vez que é posible desafiar e transformar o poder establecido. A clave é a organización, a mobilización e a creación de alternativas viables e atractivas para a maioría da poboación.
En Podemos, tentamos ser esa alternativa. Denunciamos a corrupción, loitamos polos dereitos sociais e propuxemos políticas para redistribuír a riqueza e democratizar o poder. Pero sabemos que non podemos facelo sós. Necesitamos unha cidadanía activa e comprometida, disposta a participar na construción dunha sociedade máis xusta e democrática.
A educación e a concienciación son ferramentas fundamentais nesta loita. Necesitamos un sistema educativo que fomente o pensamento crítico, a participación cidadá e o compromiso coa xustiza social. Necesitamos medios de comunicación independentes que informen de maneira veraz e plural. E necesitamos unha sociedade civil forte e organizada, capaz de presionar aos poderes establecidos e de promover o cambio desde a base.
A loita pola democracia real é unha loita pola dignidade humana. É unha loita por un futuro onde todos teñan a oportunidade de vivir unha vida plena e digna. É unha loita por un mundo onde o poder non estea concentrado en mans duns poucos, senón distribuído equitativamente entre todas e todos. É unha loita por unha sociedade onde a xustiza, a igualdade e a sustentabilidade sexan os principios reitores.
Hoxe máis que nunca, necesitamos lembrar as palabras de Antonio Gramsci: «O vello mundo morre. O novo tarda en aparecer. E nese claroscuro xorden os monstros.» Vivimos en tempos de incerteza e cambio, pero tamén de oportunidade. Podemos deixar que os monstros do pasado continúen dominando, ou podemos construír xuntos un novo mundo.
O poder das elites non é inmutable. Pode ser desafiado e transformado. Pero para facelo, necesitamos ser valentes, necesitamos estar organizados e necesitamos estar comprometidos coa loita pola xustiza e a democracia. Necesitamos ser conscientes das forzas que enfrontamos e estar dispostos a confrontalas en todas as frontes: nos medios de comunicación, nas institucións do Estado, na economía e na sociedade.
A democracia real é posible, pero non é algo que se nos dará de balde, non é un agasallo. É algo que debemos construír xuntas, día a día, con esforzo, compromiso e solidariedade. É unha loita que paga a pena, porque nela está en xogo o noso futuro e o futuro das próximas xeracións.
Non podemos permitir que as elites continúen ditando o noso destino. Non podemos aceptar que uns poucos decidan pola maioría. Debemos tomar as rendas do noso propio destino e construírmos unha sociedade máis xusta, máis igualitaria e máis democrática.
Xuntas, podemos facer a diferenza. Xuntas, podemos construír unha democracia real. Xuntas, podemos transformar Galicia, España e Europa.
Moitas grazas polo voso compromiso e o voso apoio. Adiante con Podemos! Adiante cara a unha democracia verdadeira en Europa!



