Podemos presenta en Vigo o seu Programa Político para a Paz e a Xeopolítica Internacional: Por unha Europa de Paz e Solidariedade

Hoxe mércores 5 de xuño ás 11:00 h. nun encontro con militantes e simpatizantes na sede de Podemos Vigo, na rúa Celso Emilio Ferreiro, 9 en Vigo, Óscar Lomba, candidato de Podemos Vigo ao Parlamento Europeo 2024, presentou o programa político de Podemos enfocado na paz, a xeopolítica internacional e a relación da Unión Europea co resto do mundo. Cun enfoque baseado no respecto ao dereito internacional, os dereitos humanos e a promoción do multilateralismo, Podemos Vigo propón unha visión transformadora para unha Europa de Paz e Solidariedade nun mundo marcado por desafíos globais.
Nun momento fundamental para a política internacional, Podemos Vigo reafirma o seu compromiso coa construción dunha Europa de Paz, onde o respecto á soberanía dos pobos e o dereito internacional sexan piares fundamentais. Avogamos por unha política exterior que promova relacións pacíficas e democráticas, o acceso universal aos bens globais e o desenvolvemento xusto e sostible en beneficio de todo o planeta.
Ante a crise en Ucraína e o conflito en Palestina, é imperativo que a Unión Europea asuma un papel activo na procura de solucións pacíficas e xustas. Desde Podemos Vigo, comprometémonos a traballar polo establecemento dun cesamento do fogo en Ucraína e o fin do xenocidio, a ocupación e o apartheid en Palestina como intereses estratéxicos de primeira orde para a UE.
Ademais, avogamos polo fin dos xenocidios silenciados na República Democrática do Congo e en Sudán, e apoiamos a libre autodeterminación do pobo saharauí. Promoveremos a construción de paz, a desmilitarización e o desarmamento, así como a prohibición das armas nucleares.
En canto á seguridade e defensa, é necesario avanzar cara a unha política estratéxica común baseada na prevención, a resolución dialogada e a construción de paz, financiada cos recursos que hoxe destinan os Estados membro á OTAN. Así mesmo, defendemos un enfoque integral da seguridade humana como eixo de todas as políticas estratéxicas da UE, recoñecendo que os desafíos que enfrontamos transcenden o eido militar e abranguen outros eidos como o económico, ambiental, social e das comunicacións.
No ámbito económico, avogamos polo fin das políticas extractivistas a través dunha revisión profunda da política comercial europea. Opoñémonos aos acordos comerciais que benefician ás multinacionais e ás grandes empresas enerxéticas en detrimento de as maiorías sociais e traballadoras. A UE debe converterse nun vector do cambio e a promoción de dereitos, deixando de ser unha porta para a especulación en países en desenvolvemento.
O programa político de Podemos para a paz e a xeopolítica internacional representa un compromiso firme coa xustiza, a solidariedade e a paz nun mundo cada vez máis interconectado. Traballaremos incansablemente para facer de Europa un referente de defensa dos dereitos humanos e apoio aos procesos de transformación democrática en todo o mundo.





