
Denunciamos os crimes en Palestina: Basta de xenocidio e ocupación!
Desde Podemos Vigo, erguemos a nosa voz con firmeza e determinación para denunciar os crimes atroces que o pobo palestino está a sufrir a mans do Estado sionista de Israel. Os ataques brutais, as execucións extraxudiciais, as demolicións de fogares, a expansión ilegal dos asentamentos e a constante violencia por parte dos colonos son só algúns dos innumerábeis actos que, baixo a protección do exército israelí, perpetúan un xenocidio silencioso.
O que está a ocorrer en Palestina non pode reducirse a un «conflito». Trátase dun proceso sistemático de limpeza étnica, unha ocupación colonial que pretende erradicar ao pobo palestino da súa terra, aniquilando a súa identidade, a súa historia e o seu futuro. O bombardeo indiscriminado de Gaza, o asedio de Cisxordania e a impunidade coa que operan os colonos armados mostran claramente a intención de destruír un pobo enteiro, mentres o mundo olla cara a outro lado ou, no peor dos casos, colabora con este crime mediante a venda de armas e o apoio diplomático a Israel.
Desde Podemos Vigo, condenamos rotundamente estas accións e esiximos que se poña axiña fin ao apartheid e ao xenocidio que Israel perpetra contra o pobo palestino. A comunidade internacional, en especial os gobernos europeos e a ONU, non poden seguir ofrecendo condenas baleiras e posicións ambiguas que só serven para lexitimar a ocupación e a violencia. É urxente pasar das palabras aos feitos: aplicar sancións internacionais, deter a venda de armas a Israel e esixir xustiza e reparación para as vítimas palestinas.
Non podemos permanecer indiferentes ante a opresión e a barbarie. O pobo palestino ten dereito a resistir a ocupación, a loitar pola súa liberdade e a defender a súa terra. É a nosa responsabilidade como cidadáns do mundo apoiar a súa causa, porque a loita pola liberdade en Palestina é a loita pola xustiza global. Non máis xenocidio, non máis ocupación, non máis impunidade! Palestina debe ser libre e soberana.



