
O pasado venres 11 de outubro, un nutrido grupo de persoas congregouse na Porta do Sol de Vigo para participar na manifestación organizada polo Sindicato de Inquilinas de Vigo. A mobilización tiña como obxectivo principal esixir ao goberno que adopte medidas efectivas para frear a escalada de prezos no mercado de alugueiros e impulsar a creación de vivenda pública accesible para toda a cidadanía.
Podemos Vigo estivo presente nesta convocatoria, deixando clara a súa postura en favor da defensa do dereito á vivenda. Representantes e simpatizantes da organización berraron eslóganes en apoio á causa, reivindicando un cambio de políticas que combatan a especulación e protexan os dereitos das inquilinas e inquilinos.
As persoas concentradas denunciaron a especulación inmobiliaria como un dos factores principais que encarece o mercado e que deixa a moitas veciñas e veciños de Vigo nunha situación de precariedade habitacional.
A manifestación concluíu cun chamamento enérxico a continuar loitando nas rúas e a apoiar iniciativas que impulsen políticas de vivenda inclusivas e xustas. Desde Podemos Vigo, renovamos o noso compromiso coa loita pola xustiza social e por un sistema onde a vivenda non sexa un privilexio, senón un dereito alcanzable para todos e todas.





