Re-Construir a Área sanitaria de Vigo

A Sanidade Pública non se vende, deféndese

O pasado xoves 16 de xaneiro de 2025, miles de persoas ateigaron as rúas de Vigo para esixir algo tan básico como o dereito a unha sanidade pública, universal e de calidade. A manifestación, convocada por SOS Sanidade Pública, amosou o rexeitamento masivo á política de privatizacións que nos últimos anos vén esnaquizando a área sanitaria de Vigo, especialmente tras os escandalosos sobrecustos e recortes asociados ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

Estamos ante un exemplo claro de como a axenda neoliberal da Xunta de Galicia, liderada polo PP, antepón os intereses económicos duns poucos por riba do benestar da maioría social. O contrato do Hospital Álvaro Cunqueiro, asinado baixo o mandato de Alberto Núñez Feijóo, non só significou un sobrecusto de 470 millóns de euros, senón que deixou sen executar infraestruturas esenciais para garantir un servizo eficiente e público. Hoxe, a realidade que viven as familias da área sanitaria é unha Atención Primaria saturada, listas de espera interminables e unha falta de recursos que agrava aínda máis a situación da cidadanía.

O caso do Hospital POVISA é outro exemplo paradigmático da privatización encuberta da sanidade pública en Vigo. Este centro, que atende a máis de 130.000 pacientes mediante un concerto co SERGAS, funciona como unha empresa privada que prioriza os beneficios por riba da calidade asistencial. A solución non pasa por perpetuar este modelo, senón por incorporar POVISA ao sistema sanitario público galego, garantindo que os recursos que se destinan a este hospital reverten directamente no fortalecemento da sanidade pública. A compra de POVISA permitiría poñer fin á incerteza que viven os pacientes e o persoal sanitario, ao tempo que ampliaría a capacidade estrutural da área sanitaria de Vigo, reducindo listas de espera e ofrecendo un servizo equitativo e accesible para toda a cidadanía.

Desde Podemos Vigo, reclamamos con contundencia a reconstrución da área sanitaria de Vigo. É imprescindible poñer fin á privatización dos servizos do Hospital Álvaro Cunqueiro e garantir a súa xestión pública. A saúde das persoas non pode ser un negocio para grandes empresas. Cada euro que vai aos petos dos fondos de investimento é un euro que deixa de investir no benestar da nosa xente.

O modelo neoliberal non funciona. Xa o demostraron os sobrecustos do Álvaro Cunqueiro, os servizos deficientes ou o abandono da Atención Primaria. Queremos un sistema público que priorice ás persoas e non os beneficios económicos. Por iso, é urxente:

Recuperar a xestión pública do Hospital Álvaro Cunqueiro, eliminando as concesións privadas que lastran os servizos sanitarios.

Ampliar as estruturas e os recursos humanos e materiais da área sanitaria, garantindo que cada veciña e veciño teña acceso a unha asistencia de calidade.

• Apostar por unha Atención Primaria forte, resolutiva e accesible, que sexa o verdadeiro piar do noso sistema de saúde.

A sanidade pública é un dereito, non un privilexio. Non imos permitir que nos rouben algo tan esencial. Desde Podemos Vigo, seguiremos loitando man a man coa veciñanza, os sindicatos e as plataformas sociais para recuperar o que é de todas e todos.

Vigo merece unha sanidade pública digna. Hoxe máis ca nunca, a saúde é vida e a vida non se privatiza.

Militancia de Podemos Vigo na manifestación baixo o lema: “Re-Construir a Área Sanitario de Vigo”
EN VIGO PODEMOS

Deja un comentario