Podemos participou no 8M en Vigo

Manifestación do 8 M en Vigo.

A intensa chuvia que caeu na tardiña deste sábado 8 de marzo de 2025 en Vigo non impediu que milleiros de mulleres feministas saísen ás rúas para reivindicar igualdade e xustiza. A manifestación, convocada por Resposta Feminista, partiu ás 18:30 horas da Praza dos Cabalos baixo o lema “O feminismo muda a historia. Sen loita non hai futuro”.

A marcha avanzou con forza polas rúas da cidade ao ritmo de cánticos e consignas como “Non é a minisaia, non é o pantalón, na mente do machista está a provocación”, “Imos quemar, imos queimar a Conferencia Episcopal por machista e patriarcal” “Non estamos todas, faltan as asasinadas”, “Máis recursos e menos discursos” ou “Por moito que se molle, o feminismo non encolle”. Malia a climatoloxía adversa, a mobilización mantivo un ambiente combativo e reivindicativo até chegar á Porta do Sol, onde culminou a xornada de protesta.

Podemos Vigo participou activamente na manifestación, cunha morea de militantes que sumaron a súa voz á loita feminista. A nosa organización reafirmou o seu compromiso coa loita feminista e coa defensa dos dereitos das mulleres, insistindo na necesidade de políticas públicas que garantan avances reais e efectivos contra a violencia machista e a discriminación de xénero.

No manifesto do 8M, Resposta Feminista salientou que esta data é “un día de loita”, non de celebración, e alertou sobre a persistencia da fenda salarial, a precariedade laboral e a violencia machista. Tamén denunciaron a discriminación das mulleres migrantes e a mercantilización do corpo feminino a través da prostitución e a “opresión estética”. Subliñaron a necesidade de reforzar a coeducación e a educación sexual integral, a saúde mental con perspectiva de xénero e os servizos públicos para as mulleres, fronte á súa privatización. Finalmente, advertiron sobre o avance da ultradereita e reafirmaron que “o feminismo é un dos principais bastións contra a ultradereita, o fascismo e os seus discursos de odio”.


Deja un comentario