
🟣 Podemos Vigo chama á mobilización polo galego este 17 de maio en Compostela
Este sábado, 17 de maio, Día das Letras Galegas, a plataforma cidadá Queremos Galego convoca unha gran manifestación en Santiago de Compostela baixo o lema “Un idioma galego vivo é a mellor garantía dunha Galiza viva”. A marcha partirá ás 12:00 h da Alameda e culminará cunha foliada na Praza do Obradoiro, celebrando a nosa lingua e cultura.
Este ano conmemórase o 20º aniversario da aprobación do Plan Xeral de Normalización Lingüística, un documento que recolle máis de 400 medidas para garantir o uso e a presenza do galego en todos os ámbitos. Porén, a maioría destas accións seguen sen aplicarse, mentres o noso idioma continúa a perder falantes e espazos de uso.
Desde Podemos Vigo, facemos un chamamento á nosa militancia, simpatizantes e ao conxunto da cidadanía galega a participar activamente nesta mobilización. A defensa do galego é unha loita pola xustiza lingüística, pola igualdade de dereitos e pola dignidade dun pobo que quere vivir na súa lingua.
A manifestación será tamén unha celebración da tradición oral e musical galega, co protagonismo das cantareiras e pandereteiras, figuras centrais na transmisión da nosa cultura popular.
Un idioma vivo necesita dunha sociedade mobilizada. Este 17 de maio, enchamos Compostela de voces, pandeiretas e compromiso.
Cita:
📍 Alameda de Santiago de Compostela
🗓️ Sábado, 17 de maio 2025
🕛 12:00 h



