A militancia de Podemos Vigo mobilízase o 1º de Maio pola xustiza social, o desarme e a paz

Este 1º de Maio, Día Internacional das Traballadoras, a militancia de Podemos Vigo participou activamente na manifestación convocada polas diferentes centrais sindicais da nosa cidade. A presenza de compañeiras e compañeiros de Podemos, acompañando a loita do movemento obreiro, reafirma o noso compromiso coa defensa dos dereitos laborais, sociais e democráticos nun contexto de crecente desigualdade, precariedade e guerra.
Nun mundo atravesado por múltiples crises —económica, ecolóxica, social, bélica…—, cada Primeiro de Maio debe ser un momento de dignidade contra o sistema que destrúe vidas e territorios para enriquecer a unha minoría. Por iso, este ano 2025, ademais da participación na marcha, lanzamos mensaxes e berros en defensa do desarme e da paz, sumándonos á campaña contra o incremento do gasto militar, a militarización da Unión Europea e o papel cómplice do complexo industrial armamentístico.
Queremos un futuro de traballo digno, non de guerra. Mentres recortan nos servizos públicos, destinan milleiros de millóns de euros a armas, exércitos e intervencións bélicas ao servizo de intereses xeoestratéxicos alleos aos pobos. Denunciamos a hipocrisía dos gobernos que falan de paz mentres alimentan conflitos e normalizan o militarismo como única resposta aos desafíos internacionais.
Desde Podemos Vigo reivindicamos:
- A redución radical do gasto militar e o investimento deses recursos en sanidade, educación, coidados, vivenda e transición ecolóxica.
- A saída de España da OTAN e o impulso dunha política exterior baseada na neutralidade activa, a solidariedade internacionalista e a resolución pacífica dos conflitos.
- O cesamento inmediato do xenocidio en Palestina e o fin da complicidade da Unión Europea e o goberno español co réxime de apartheid israelí.
- A construción dunha Europa dos pobos e da paz, fronte á Europa fortaleza e militarizada que impoñen os lobbies da guerra.
A nosa participación no 1º de Maio é parte dun traballo máis amplo. Estamos a artellar espazos de encontro entre organizacións sociais, pacifistas, sindicais e políticas para poñer no centro do debate público a urxencia dun cambio radical de rumbo. Fronte ao fanatismo armamentista e a lóxica da destrucción, cómpre erguer unha alternativa feminista, ecoloxista, antirracista e antimilitarista.
Agradecemos a todas as persoas que vos achegastes á manifestación.
Porque sen desarme non hai futuro.
Porque o poder está na xente organizada.


