77º Aniversario do inicio da Nakba palestina

O pasado 15 de maio de 2025, en Vigo e en moitos outros lugares de Galicia e do conxunto do Estado español, desenvolvéronse manifestacións e concentracións en lembranza da Nakba e en solidariedade co pobo palestino.
En Vigo, a concentración tivo lugar ao pé da Oliveira do Paseo de Alfonso XII, un espazo simbólico de loita e memoria. Alí estivemos unha morea de militantes de Podemos Vigo, acompañando cunha presenza activa e comprometida ás persoas congregadas para denunciar o apartheid, o xenocidio e a ocupación sionista, e para reafirmar o noso apoio incondicional á causa palestina e ao dereito do seu pobo a vivir libre na súa terra.
Neste 77º aniversario da Nakba, a limpeza étnica iniciada en 1948 continúa hoxe baixo novas formas de violencia, colonización e exterminio, como estamos a ver traxicamente en Gaza e Cisxordania. Fronte ao silencio cómplice das institucións europeas e a impunidade do réxime israelí, é máis necesario ca nunca que desde Galicia e desde todos os recantos do Estado español sigamos mobilizándonos, esixindo o fin do xenocidio, o embargo de armas a Israel, a ruptura de relacións diplomáticas e económicas co apartheid e o recoñecemento pleno do Estado palestino. Desde Podemos Vigo comprometémonos a seguir sendo parte activa desta loita internacionalista e anticolonial, da man dos movementos sociais, da comunidade palestina e de todas aquelas persoas que non calan ante a barbarie.




