Podemos Vigo contra a represión!

Podemos Vigo denuncia a criminalización da solidariedade co pobo palestino

Unha morea de militantes de Podemos Vigo participamos este 20 de maio na concentración en apoio ás oito activistas pro-palestinas xulgadas por unha acción de boicot a produtos israelís en Vigo. Denunciamos a represión e o uso da Lei Mordaza como ferramenta para acalar a protesta e a solidariedade internacionalista coa causa palestina.

Unha ampla representación de militantes de Podemos Vigo participamos este 20 de maio na concentración en apoio ás oito activistas pro-palestinos xulgados por realizar unha acción simbólica de boicot a produtos israelís no supermercado Carrefour da nosa cidade. Esta acción, encadrada na campaña internacional BDS (Boicot, Desinvestimentos e Sancións), buscaba visibilizar a complicidade de grandes empresas multinacionais como Carrefour no financiamento do apartheid, a ocupación e o xenocidio que perpetra o estado sionista de Israel sobre o pobo palestino.

Desde Podemos Vigo, denunciamos con firmeza a represión política e xudicial que están a sufrir estas compañeiras, acusadas por exercer o seu lexítimo dereito á protesta pacífica. A resposta policial e xurídica evidencia unha estratexia sistemática de criminalización do activismo social e internacionalista, coa Lei Mordaza como ferramenta para acalar as voces disidentes e solidarias co pobo palestino.

A liberdade de expresión e o dereito á protesta pacífica son piares fundamentais de calquera sociedade democrática. Cando se reprime a denuncia do xenocidio en Gaza e se xulga a quen se mobiliza contra a impunidade de Israel, estamos ante unha deriva autoritaria que non podemos permitir.

Resulta especialmente grave que se persiga penalmente unha acción simbólica que denuncia unha realidade silenciada polos grandes medios e protexida polos intereses económicos e xeopolíticos da Unión Europea e do Estado español. Mentres empresas como Carrefour continúan comerciando con produtos procedentes de asentamentos ilegais ou fabricados baixo condicións de apartheid, activistas que defenden os dereitos humanos son levadas a xuízo.

Durante o xuízo, foron moitas as voces que se fixeron oír ás portas da Cidade da Xustiza de Vigo. Berros como “Boicot a Israel” e “Palestina vencerá” resoaron como expresión dunha solidariedade que non se vai calar nin intimidar.

Desde Podemos Vigo reafirmamos o noso compromiso co movemento BDS e coa loita polos dereitos do pobo palestino. Defenderemos sempre o dereito á desobediencia civil, á protesta pacífica e á liberdade de expresión fronte a un sistema que pretende converter en delito a solidariedade internacionalista.

Reclamamos a derrogación decontado da Lei Mordaza, a fin da complicidade do Estado español co réxime de apartheid israelí e un embargo total de armas, produtos e relacións comerciais con Israel mentres persista o xenocidio contra o pobo palestino.

A solidariedade non se xulga. Palestina vencerá.

Militancia de Podemos Vigo na concentración perante a Cidade da Xustiza en Vigo

Deja un comentario