
🟣 Podemos Vigo chama a encher as rúas polo dereito a unha vivenda digna
En Vigo vivimos unha situación límite. Cada vez máis familias enfróntanse a alugueiros imposíbeis, a contratos abusivos, á especulación sen control e a un modelo de cidade que prioriza o negocio fronte ás necesidades da xente. Mentres os prezos seguen disparados, milleiros de persoas ven como o acceso a un fogar seguro e estábel se converte nun luxo. E isto non é inevitábel: é consecuencia directa das decisións políticas que favorecen intereses privados por riba do ben común.
Por iso, desde Podemos Vigo apoiamos con total firmeza a mobilización convocada pola Alianza pola Vivenda e Plataforma Galega, Vivenda Xa! este 21 de marzo ás 18:00 h desde a Praza dos Cabalos. Vigo necesita unha resposta colectiva, organizada e contundente fronte a un problema que afecta a toda a cidade, especialmente á mocidade, ás familias traballadoras e ás persoas máis vulnerábeis.
🏘️ Por que saímos á rúa?
• Porque o dereito á vivenda é debe ser un dereito fundamental, non un privilexio.
• Porque non podemos permitir que a especulación converta Vigo nun territorio xentrificado e turistificado.
• Porque é urxente regular os prezos dos alugueiros e poñer freo aos fondos voitre e ás prácticas abusivas.
• Porque precisamos un parque público de vivenda real, suficiente e a prezos alcanzábeis.
• Porque a cidade non pode seguir avanzando cara a un modelo no que só quen máis ten pode vivir nela.
• Porque a política municipal debe poñerse do lado da xente, non dos intereses inmobiliarios.
✊ Unha cidade que expulsa non é unha cidade xusta
A realidade é clara: Vigo está vivindo unha crise habitacional que non se resolve con propaganda nin con anuncios baleiros. Precísanse medidas valentes, planificación pública e vontade política para garantir que todas as persoas poidan vivir dignamente na súa cidade. A vivenda non pode seguir sendo un negocio especulativo que condiciona o futuro de toda unha xeración.
Desde Podemos Vigo levamos anos defendendo medidas claras e valentes para garantir o dereito á vivenda. Propoñemos baixar por lei os prezos dos alugueiros nun 40% nas zonas tensionadas, así como declarar zonas tensionadas en todos aqueles concellos onde sexa necesario, como Vigo.
Tamén apostamos por mobilizar as vivendas baleiras, reforzar de maneira decidida o parque público de vivenda e poñer límites aos abusos dos alugueiros turísticos. Ao mesmo tempo, defendemos garantir alternativas habitacionais reais para quen as precise e situar a vida das persoas no centro das políticas urbanas.
Hoxe, máis que nunca, estas propostas son imprescindíbeis para facer efectivo o dereito a unha vivenda digna.
🟪 Este 21 de marzo, Vigo ten unha cita coa dignidade
Chamamos a toda a cidadanía a participar masivamente na manifestación do próximo sábado 21 de marzo de 2026 ás 18:00 horas desde a Praza dos Cabalos en Vigo. Porque cando a xente se organiza, cando a cidade se mobiliza, cando defendemos colectivamente os nosos dereitos, abrimos camiño a cambios reais.
A vivenda é un dereito. A especulación non pode marcar o futuro de Vigo. Saímos á rúa para dicilo alto e claro.
Vémonos na Praza dos Cabalos. Xuntas, imos facer que Vigo sexa unha cidade para vivir, non para especular.



