Podemos – Marea de Vigo piden que o Concello de Vigo se poña do lado das familias do Vila de Pitanxo

Podemos – Marea de Vigo piden que o Concello de Vigo se poña do lado das familias do Vila de Pitanxo ante a neglixente xestión do Ministerio no embarque do buque que baixara ao pecio. 

Rubén Pérez e Meli Vázquez, xunto ao resto da candidatura de Podemos – Marea de Vigo, estivemos hoxe no barrio do Calvario, un barrio que se configura como un dos de renda máis baixa e ademais un lugar da cidade que nos últimos anos, por motivo do reponte do prezo da vivenda, é un dos polos de atracción de poboación mígrante que acolle a cidade de Vigo, poboación que tamén traballa no sector do mar, non sector portuario, non sector de transformación e pesca. 

Queremos facer unha valoración, nesta contorna, sobre o que ocorreu nas últimas datas con respecto á misión que vai ir a Terranova e que vaise mergullar onde se atopa o barco Vila de Pitanxo, e ao mesmo tempo lembrar que as familias dos mariñeiros falecidos polo naufraxio do buque Vila de Pitanxo, levan meses esixindo un proceso rigoroso de investigación por parte do aparello xudicial e a Audiencia Nacional que permita clarificar que ocorreu realmente o día do naufraxio. 

Para Podemos – Marea de Vigo este tráxico accidente e a investigación dos motivos do mesmo, xunto a depuración de responsabilidades, tamén é unha cuestión de cidade, xa que moitas veciñas e veciños desta cidade son familiares, amigos, parellas ou compañeiros de sector, e o que ocorreu onte, cando marchou o barco, sen ningunha clarificación por parte do Ministerio sobre se cumpría os requisitos que establecera a Audiencia Nacional e deixando en terra ao perito que as familias designaran para acompañar a expedición ou misión de investigación parécenos dunha extrema gravidade. Parécenos que introduce unha perigosa posibilidade de que a defensa da empresa armadora poida tentar invalidar a expedición ou o contido de todas as actuacións, probas documentais e periciais, que os letrados das familias acheguen como proba xudicial. O conxunto da cidade ten que poñerse do lado das 21 familias do Vila de Pitanxo. O goberno municipal e toda a cidade temos que defender un sector laboral do mar seguro, con dereitos. E se isto ten que derivar nunha causa xeral contra todo o sector do arrastre e contra todos os armadores, que non cumpren a actual lexislación de seguridade marítima, e contra as prácticas laborais abusivas, que durante anos se cronificaron no sector, desde logo esas actuacións terán todo o apoio de Podemos, Marea de Vigo e o resto de partidos da coalición.

Podemos-Marea de Vigo opinamos que moitos dos accidentes e naufraxios xorden da falta de supervisión das tarefas a bordo, a inobservancia da lexislación, os protocolos e as prácticas de seguridade marítima e a carencia de mecanismos de protección axeitados pola falta de investimentos das empresas armadoras. 

Podemos – Marea de Vigo queremos lembrar que, segundo un informe elaborado pola Oficina Internacional do Traballo (OIT), polo menos uns 24.000 pescadores e persoas relacionadas coa pesca e o procesado de peixe falecen cada ano, o que coloca á pesca e ás actividades relacionadas con ela entre as profesións máis perigosas. 

Finalmente Podemos – Marea de Vigo estamos convencidos que existe unha morea de lexislación sobre prevención de naufraxios e seguridade marítima, o que falta é suficiente vontade política para aplicala axeitadamente e pola falta de inspeccións que supervisen e sancionen aos responsables das neglixencia e incumprimentos legais.

Encontro de Podemos – Marea de Vigo co movemento ecoloxista da nosa cidade.

En Vigo hai moitas persoas que loitan pola defensa do medio ambiente porque queren conseguir grandes cambios e evitar un impacto directo na contorna natural e porque queren defender o noso medioambiente: xa sexa para paralizar un megaproxecto que ameaza a natureza ou para esixir xustiza climática, para evitar vertidos na Ría ou para deter a contaminación nun río…

Hai una días tivemos un encontro na sede de Podemos Vigo, na rúa Celso Emilio Ferreiro, 9, con Ecoloxistas en Acción, Greenpeace e Amigos da Terra.

Podemos – Marea de Vigo piden uns orzamentos participativos e Xuntas de Distrito

Podemos – Marea de Vigo estamos convencidos de que a mellor maneira de administrar os recursos públicos é democratizando a xestión dos mesmos, e os Orzamentos Participativos son a mellor ferramenta para favorecer a participación cidadá activa e a democracia participativa. Tamén queremos Xuntas de Distrito e desconcentrar a xestión municipal.

Podemos – Marea de Vigo propoñemos impulsar no noso municipio mecanismos para que a cidadanía viguesa poida decidir democraticamente o destino dos recursos públicos, procurando entre todas as mellores solucións ás necesidades existentes no noso Concello.

A coalición Podemos – Marea de Vigo desexa desenvolver en Vigo mecanismos que sirvan para promover uns orzamentos participativos que consigan dotar a xestión dos recursos públicos municipais de maior transparencia e eficiencia, e que poida abrirse un debate entre o conxunto da cidadanía viguesa, os representantes políticos e o persoal técnico sobre o uso do diñeiro público que, en definitiva, procede dos impostos da cidadanía viguesa.

Para Podemos-Marea de Vigo os orzamentos participativos favorecerían unha maior transparencia e eficiencia na xestión municipal. Ademais estamos seguros que melloraría a comunicación entre a administración municipal e a cidadanía viguesa, porque xerarían espazos de interlocución entre representantes públicos, veciños/as, colectivos sociais e persoal técnico.

Temos o convencemento que coa aplicación duns orzamentos participativos favoreceríase un proceso aberto a toda a veciñanza, que posibilitaría a participación directa de todas as persoas, superando así a lóxica reducionista baseada na participación representativa, que se limita á acción de votar cada catro anos. Por outra banda, Podemos – Marea de Vigo avogamos por que sexa un proceso autorregulado, é dicir, que son os propios participantes os que deciden como deben ser as «regras do xogo» que deben rexer o proceso. Cos orzamentos participativos fomentariamos a reflexión activa e a solidariedade por canto todos os veciños e veciñas terían a oportunidade de coñecer e dialogar sobre os problemas e demandas do resto da veciñanza.

En resumo os Orzamentos Participativos conducen a un dialogo público sobre diñeiro, investimentos e gastos, pero tamén sobre novos espazos de participación, de profundización democrática na vida local, de participar para decidir. En definitiva supoñen unha apropiación dos asuntos públicos por parte da cidadanía, o que no fondo constitúe a esencia da democracia.

Por outra banda, Podemos – Marea de Vigo defendemos a necesidade de desconcentrar e descentralizar a xestión municipal. Para iso queremos impulsar unhas Xuntas de Distrito que serían órganos creados co obxectivo de facilitar a Participación Cidadá nos asuntos locais e achegar a administración á veciñanza das diferentes parroquias. 

Para Podemos – Marea de Vigo as Xuntas de Distrito poderían converterse nun foro participativo plural onde estivesen representados proporcionalmente os grupos políticos e as entidades cidadás da súa contorna e os colectivos dos barrios.

Pensamos que as Xuntas de Distrito achegarían os servizos municipais á cidadanía, pois nas súas sedes daríase información sobre toda a actividade municipal no barrio concreto e do resto do municipio en xeral. Igualmente poderíanse presentar consultas e propostas ao Pleno da Xunta de Distrito, que posteriormente podería ser trasladadas ao pleno do Concello de Vigo.

RECUPEREMOS O VERBUM … como un gran referente museístico e cultural da cidade.

Podemos – Marea de Vigo concibimos a cultura, do mesmo xeito que a educación, como un eixo artellador das políticas municipais. A cultura como espazo de intercambio de experiencias, como elemento dinamizador da sociedade e como medio de socialización, afastada do enfoque meramente consumista e competitivo do capitalismo. Propoñemos unha cultura creativa, formativa, que reafirme os procesos culturais de base.

Queremos garantir o acceso da veciñanza dos municipios a programas culturais integradores e de calidade, desde a hexemonía do público e coa participación do tecido sociocultural do municipio e a comarca.

Poñer en marcha un Consello Municipal de Cultura para deter o desmantelamento dos servizos públicos culturais, especialmente da rede museísca. Por iso cremos que habería que recuperar espazos culturais e museísticos que están actualmente infrautilizados e que teñen escasas visitas. Un exemplo de “museos mortos” é o Verbum. O Museo Verbum, en Vigo, un espazo destinado aos idiomas, recibe menos de 100 visitas ao mes. Nós propoñemos reactivar ese espazo. Podería converterse por exemplo nunha residencia de artistas con novas instalacións e talleres. Un lugar que acollese a creadores e artistas visuais, que servise tamén para albergar talleres e proxectos emerxentes tanto locais como nacionais e internacionais. Esa futura residencia de artistas podería incorporar programas de autoxestión, investigación ou produción artística e perfomativa. En calquera caso, os artistas podería traballar estreitamente con grupos de novos estudantes de arte e cun equipo permanente de docentes e artistas plásticos que ensinasen e producisen novas obras e creacións artísticas. Esa nova residencia de artistas contaría cun aloxamento e os artistas terían acceso, por períodos que de varios meses, a estudos compartidos, talleres de artistas, ferramentas, impresoras, materiais diversos, e recibirán asistencia na realización dos seus proxectos. Os artistas convidados participarían nos programas e actividades organizados no novo espazo do Verbum e terían a oportunidade de mostrar o seu traballo persoal en curso durante os estudos abertos. 

Por todo o exposto estivemos hai días no Museo Verbum  baixo o lema: Recuperemos ou Verbum… como referente museístico e cultural da cidade.

Por ultimo queremos salientar que Podemos – Marea de Vigo queremos recuperar todos os espazos infrautilizados para uso comunitario e baixo control público poñéndoos ao dispor da cidadanía viguesa de forma totalmente gratuíta.  As asociacións ou colectivos sen ánimo de lucro, as organizacións sociais, sindicais ou veciñais deben ter un papel relevante no uso e xestión deses espazos museísticos e culturais.

RECUPEREMOS O GALEGO PARA O CONCELLO DE VIGO

Podemos – Marea de Vigo celebramos o Día das Letras galegas desde unha postura reivindicativa, coa vontade de defender a nosa lingua e o seu uso normalizado en todos os eidos, tamén na administración municipal, que está obrigada a potenciar a extensión e o uso normalizado da nosa lingua.

A difusión e normalización da lingua galega na Administración Pública Municipal, a capacitación lingüística do persoal que traballa en Concello de Vigo e a súa difusión e promoción deben ser unha tarefa prioritaria e irrenunciable.

O Concello de Vigo conta cun Plan de dinamización lingüística, aprobado polo pleno, que está aínda sen desenvolver. Este plan, anticipou algunhas liñas mestras do Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNL), que derrogou o PP, garante e crea ferramentas para a normalización lingüística do galego. Nós propoñemos, por tanto, defender o desenvolvemento do devandito plan que favoreza o uso e protección do galego, desde o respecto á diversidade cultural viva na nosa cidade pero consciente de que formamos parte dunha cultura e identidade singular que enriquece a todo o mundo.

A normalización lingüística é un proceso social que procura a xustiza no ámbito sociolingüístico, para que os galegos e as galegas poidamos manter a visión do mundo desde a óptica que so nos pode dar a lingua propia do noso territorio. É responsabilidade de todos e todas contribuírmos deste xeito a manter a diversidade e a riqueza lingüística e cultural do mundo, para que poidamos manter esas visións e chamarlles ás cousas cos nomes xenuínos que aquí se lles deron.

Por iso, desde Podemos – Marea de Vigo defendemos que todas as administracións, e o Concello de Vigo entre elas, teñen o deber legal e a responsabilidade social de apoiar e promover ese proceso e, así, deben implementar políticas lingüísticas activas, dinámicas e integradoras que poñan en valor a nosa lingua propia e que fomenten o seu uso e prestixio en todos os ámbitos, para procurar que o galego se use con normalidade no comercio, no deporte, no asociacionismo, entre a mocidade, nas novas tecnoloxías, no ensino, na cultura, na comunicación, no lecer, nas empresas, nos parques, os centros de saúde e calquera outro eido cotián.

Por todo o exposto, a coalición Podemos – Marea de Vigo participamos activamente na manifestación que se desenvolveu nas rúas do centro da nosa cidade durante o pasado 17 de maio e que fora convocada pola Plataforma Queremos Galego.

Podemos –Marea de Vigo opoñense a novos recheos en Bouzas.

Podemos –Marea de Vigo opoñense a novos recheos en Bouzas.

O candidato á alcaldía, Rubén Pérez e Meli Vázquez, número 2 da lista, estiveron hai uns días en Bouzas e tiveron a oportunidade de falar coa veciñanza sobre os problemas e necesidades desa zona da cidade. 

Rubén Pérez e Meli Vázquez mostraron a súa oposición frontal á realización de novos recheos na ría de Vigo, coa escusa de conseguir máis superficie para desenvolver a actividade portuaria. 

Meli Vázquez explicou a un grupo de veciñas e veciños de Bouzas que “os recheos na costa son proxectos daniños e moi lesivos para o medioambiente e que en Bouzas sempre foron impulsados sen contar con ningún consenso social”.

Rubén Pérez, engadiu que “calquera desenvolvemento de infraestruturas portuarias mal planificadas afectaría moi negativamente a moitos sectores económicos relacionados co mar, destruiría a nosa contorna ambiental e paisaxística, e esnaquizaría as potencialidades turísticas de Bouzas. Pérez agregou que os recheos están a minguar a calidade de vida da cidadanía de Bouzas e de Vigo no seu conxunto. O candidato á Alcaldía por Podemos – Marea de Vigo salientou que o Concello de Vigo non se opón a determinadas prácticas depredadoras que esnaquizan a nosa costa, que destrúen postos de traballo relacionados coa pesca e o marisqueo e que están a causar a «un dano catastrófico e irreversíbel ao medio natural e ao ecosistema de Bouzas e Vigo no seu conxunto». 

O candidato á alcaldía de Vigo defendeu que o goberno de Abel Caballero debería dicir claramente que non podevolverse atentar contra a Ría de Vigo. E pediulle publicamente que explique ás veciñas de Bouzas por que non se opón aos recheos. 

Ademais do tema dos recheos en Bouzas e a ría no seu conxunto, Rubén Pérez lembrou a necesidade de remunicipalizar a subministración de auga e o saneamento da cidade. 

Ao ser preguntado por unha veciña sobre a cuestión da depuradora en Vigo, Pérez indicou que se están cometendo moitos erros que poderían evitarse e afirmou que a Fiscalía de Medio Ambiente e outras institucións do Estado ou a propia Unión Europea poderían sancionar ao Concello de Vigo con multas millonarias por non depurar correctamente as augas residuais da nosa cidade. Lembrou que é necesario un axeitado e minucioso mantemento técnico das instalacións da EDAR e que Podemos – Marea de Vigo priorizarán o correcto funcionamento, mantemento e mellora da depuradora de Vigo.

PODEMOS – MAREA DE VIGO POLA RECUPERACIÓN DOS SERVIZOS PÚBLICOS PRIVATIZADOS.

Remunicipalicemos a empresa de agua de Vigo e avancemos na remunicipalización de VITRASA.

RECUPEREMOS OS SERVIZOS PÚBLICOS MUNICIPAIS PRIVATIZADOS

A coalición Podemos – Marea de Vigo celebrarou hai días un Acto Público de Campaña, no Auditorio da ONCE, Gran Vía 16, coa presenza de Meli Vázquez Calleja, (Candidata número 2 de Podemos – Marea de Vigo), Eva Solla Fernández (Coordinadora Nacional de Esquerda Unida) e Rubén Pérez Correa (Candidato á Alcaldía de Vigo por Podemos – Marea de Vigo) e Carlos Sánchez Mato (Responsable de Economía de Izquierda Unida.

Carlos Sánchez Mato, foi concelleiro de Facenda no Concello de Madrid, durante o goberno de Manuela Carmena. Agora mesmo é asesor económico do Ministerio de Igualdade e é o responsable de política económica de Esquerda Unida Federal. Sánchez Mato é unha das persoas que máis traballou nos últimos anos por visualizar a posibilidade real de remunicipalizar servizos. Foi capaz de remunicipalizar numerosos servizos que foran privatizados, desde funerarias municipais ata aparcamentos privatizados que foron recuperados para o sector público e no acto puxemos en valor esa estratexia de realizar un retorno ao sector público de servizos externalizados. 

Despois de moitos anos nos que se foron ampliando os servizos públicos de carácter municipal, e foise impoñendo a súa xestión indirecta a través de diversas fórmulas da mal chamada colaboración público-privada, a coalición Podemos- Marea de Vigo defende que os servizos públicos municipais deben volver a mans públicas. En definitiva, isto é o que significa a palabra remunicipalización. A coalición Podemos- Marea de Vigo pensa que a xestión de moitos servizos municipais de Vigo, que teñen fórmulas de xestión externalizada ou privatizada, deben recuperarse para o sector público. Desde Podemos-Marea de Vigo reivindicamos a eficacia da xestión pública. 

Podemos – Marea de Vigo defende a necesidade de recuperar para o sector público a empresa de auga de Vigo e a necesidade de avanzar na remunicipalización de Vitrasa, porque coa actual situación das contas da facenda municipal viguesa é perfectamente posible.

Ademais no acto defendimos a necesidade de que exista unha verdadeira autonomía e suficiencia financeira no ámbito municipal. Desde Podemos – Marea de Vigo defendemos unha Lei de Bases de Réxime Local e unha lexislación en materia de facendas locais que dea ferramentas para incrementar a capacidade de financiamento do noso Concello. Ademais queremos incidir na necesidade de que sexa derrogada definitivamente a Lei 27/2013 de racionalización e sustentabilidade da Administración Local do PP, aprobando unha nova normativa que conceda maior autonomía financeira ás entidades locais e ao propio Concello de Vigo. Por tanto pensamos que é necesario un sistema tributario local que se nutra de elementos de progresividade en base á capacidade económica dos contribuíntes e queremos que o noso Concello xere riqueza, vivenda alcanzable, sustentabilidade e autonomía como elementos vertebradores dunha democracia municipal100% real.

Desde Podemos – Marea de Vigo opinamos que remunicipalizar servizos e incrementar a suficiencia e autonomía financeira local pódese conseguir e simplemente fai falta vontade política e valentía para transformar o noso Concello. 

Doutra banda Podemos – Marea de Vigo cremos que sería importante instar o Goberno de España a reforzar a participación das entidades locais nos ingresos do Estado garantindo que as transferencias do Estado aos concellos cumpran uns compromisos sobre a súa evolución e revisión permanente, evitando as importantes desviacións (a volatilidade dos resultados definitivos) que dan lugar a devolucións relevantes por parte dos municipios e están a deteriorar fortemente a suficiencia, autonomía financeira e capacidade orzamentaria dos concellos. En resumo, pensamos que hai que afrontar canto antes a derrogación da Lei 27/2013 sobre a Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, a famosa Lei Montoro, para alcanzar máis autonomía financeira no ámbito municipal e tomar todas as medidas necesarias que o noso concello poida ter maior autonomía e capacidade financeira. 

RECUPEREMOS ÁLVAREZ

RECUPEREMOS ALVAREZ… para ter un novo ámbito industrial non contaminante e coworking

Rubén Pérez e Meli Vázquez, xunto ao equipo de campaña e outros membros da candidatura de Podemos – Marea de Vigo, estiveron hai unas días fronte á antiga fábrica Santa Clara do Grupo de Empresas Álvarez (GEA) onde realizaron un acto reivindicativo baixo o lema: Recuperemos Álvarez. O candidato de Podemos – Marea de Vigo dixo que en Vigo hai moitos espazos abandonados que deben ser recuperados como Santa Clara, en alusión á vella factoría alí situada e actualmente en estado ruinoso.

Rubén Pérez dirixiuse ás persoas alí congregadas e fixo alusión ao Grupo de Empresas Álvarez. Nun momento da súa intervención Pérez afirmou: “Santa Clara e o Grupo de Empresas Álvarez (GEA) chegou a converterse no seu día no primeiro grupo cerámico de España, contando na época de maior actividade cuns 5.000 empregados. Esa empresa de cerámica que foi unha factoría tan importante durante anos e que mesmo exportaba moitos dos seus produtos, agora está completamente abandonada, en ruínas e os seus locais foron obxecto de todo tipo de saqueos, mesmo a plena luz do día. É triste ver esta contorna da cidade tan abandonado e degradada”. 

Posteriormente o candidato á Alcaldía de Vigo de Podemos – Marea de Vigo, lembrou a privatización da factoría do Grupo de Empresas Álvarez que foi vendida a un antigo dirixente da UXT de Valencia reconvertido en empresario, un tal Enrique Fidel T.H. e lembrou tamén aos presentes que “Abel Caballero, naquel momento era uns dos responsables da Comisión Executiva Federal do PSOE e neses días afirmou que era unha boa operación, aínda que probablemente agora vai negar que naquela época dixesetal cousa”.

Rubén Pérez expuxo que Podemos – Marea de Vigo defenden un modelo de cidade moi diferente ao representado por Abel Caballero. A xuízo do candidato de Podemos – Marea de Vigo é necesario superar o vello modelo fracasado representado por esa elite egoísta e obtusa, composta por individuos como Fernández Gayoso e Pego Alonso da antiga entidade financeira Novagalicia Banco, Manuel Fernández de Sousa e Alfonso Paz Andrade de Pescanova, González Viñas e García Costas no sector naval…que favoreceron unha economía puramente especulativa”.

Pérez salientou que, “fronte ao modelo neoliberal representado polas elites especuladoras e depredadoras antes mencionadas, nós cremos que debería potenciarse a un novo ámbito industrial non contaminante e coworking. Ademais estamos convencidos que imprescindible impulsar na nosa cidade a investigación, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica (I +D+ i)”. O candidato de Podemos – Marea de Vigo afirmou que “é necesaria unha nova industria que impulse a produción innovadora, creativa, con alto valor engadido e un comercio adaptado ás necesidades reais dos vigueses e viguesas. Habería que impulsar unha economía do próximo, un comercio local baseado nas iniciativas cooperativas, as empresas de economía social e as redes de economía solidaria que respecten o medio ambiente e os dereitos dos traballadores e traballadoras”. 

E posteriormente engadiu: “Desde Podemos – Marea de Vigo opinamos que é necesario elaborar un Plan de Desenvolvemento Local para Vigo. Sería moi necesario un amplo debate cidadán para a preparación dun Plan de Desenvolvemento Local e un Plan Estratéxico para o Desenvolvemento Económico de Vigo e a súa área de influencia. Ese futuro plan estratéxico debería ser elaborado por expertos pero con achegas da propia cidadanía a través de métodos participativos, un plan deseñado para axudar a mellorar a calidade de vida da poboación de Vigo, rompendo as dinámicas de marxinación e poñendo énfase en determinados segmentos da poboación, como as mulleres e a mocidade. Para iso teriamos que impulsar un gran debate cidadán e de sectores implicados co obxectivo de crear un consorcio de empresas públicas co apoio da comunidade autónoma, do propio Concello e da Universidade de Vigo. Ese futuro Plan Estratéxico de Desenvolvemento Local sería impulsado baixo a protección e o control público. En resumo e para terminar pensamos que hai que priorizar as persoas fronte ao formigón”.