NON QUEREMOS SUMAR SEN ELAS

Por: Rita Velasco Graña *

Nestes momentos convulsos que vivimos no eido social e político do noso país, as mulleres seguimos soportando desigualdade e discriminación. Enfrontámonos a situacións de violencia, abusos e desigualdade tanto no noso fogar, como na nosa contorna laboral e na nosa vida cotiá, só polo feito de sermos mulleres. Ao anteriormente exposto hai que engadir a triste noticia do sábado pasado cando coñecemos a morte de Vanesa, muller de corenta e catro anos, ameazada pola súa exparella, un garda civil do cal tiña unha orde de afastamento. Soubemos polos medios que malia o seu comportamento e os constantes malos tratos, seguía en activo. Simplemente retiráronlle a arma regulamentaria e destinárono a tarefas administrativas. Como se entende que alguén que pertence a un corpo de seguridade do estado, que debería estar para protexernos a todas, e que sabéndose que é un maltratador con orde de afastamento e pendente de xuízo, se lle permita seguir exercendo as súas funcións profesionais e continuar atendendo á cidadanía coma se non pasase nada? Como se entende, que coñecéndose a facilidade coa que un garda civil pode ter acceso a armas de fogo fóra do circuíto legal, e con todo a situación de perigo fose avaliada como de risco medio? Como se entende que se protexa máis ao maltratador que a muller vítima de malos tratos? Non se tomaron as medidas de protección necesarias e o resultado é unha nova morte por violencia machista.

Lamentablemente. E por desgraza non é o primeiro caso. Recentemente coñeciamos outro caso dun policía local ao que se lle impuxo unha orde de afastamento que quebrantou, e que seguía traballando en tarefas administrativas no Concello de Vigo. Vergoñoso. E ata que foi ditada a sentenza, o Alcalde da nosa cidade, Abel Caballero, considerou que o mellor era mantelo atendendo ao público… E mentres a súa exparella aterrorizada sen poder saír soa á rúa. Por que consentimos todo isto?

No marco de todas estas noticias e envoltos nunha nova convocatoria electoral para o vindeiro 23 de xullo entendo que todas debemos reflexionar.

Agora, neste momento crucial, cando se está a negociar en Madrid a incorporación de Podemos ao proxecto Sumar, impulsado por Yolanda Díaz, temos que poñer en valor, máis que nunca, o papel que xogan políticas como Irene Montero e Ione Belarra, e as súas loitas contra a violencia de xénero neste país, desenvolvidas acertadamente desde o Ministerio de Igualdade. Dúas mulleres que nunca dan un paso atrás na defensa dos nosos dereitos e que loitaron e loitan incansablemente por lexislar para axudar ás mulleres vítimas desta praga social chamada VIOLENCIA DE XÉNERO e que ademais poñen os medios necesarios para acabar cos asasinatos de mulleres (e moitas veces dos seus fillos). Que impulsan campañas para concienciar e educar en igualdade. Que defenden un modelo afastado da actual sociedade machista, patriarcal e androcéntrica.

Dúas grandes políticas que teñen que estar presentes en SUMAR, se o final chega o acordo. Elas demostraron nestes catro anos de goberno de coalición que tiñan moi claro cal era o seu obxectivo á fronte deste Ministerio e que non ían consentir que os seus socios de goberno cambiasen nin unha coma das normas e proxectos de lei que prometeron defender perante o seu electorado e as súas votantes.

Non queremos SUMAR sen IRENE MONTERO e IONE BELARRA.

Tedes todo o noso apoio incondicional.

Con políticas como vós, quédanos claro máis que nunca o lema de Unidas Podemos: SI SE PODE.

Grazas ás dúas, dóuvolas como militante, muller e nai de dúas fillas que quero que vivan nun país valente, un país Monterista e Belarrista.

* Rita Velasco Graña é militante de Podemos Vigo.

REFORMA LABORAL E MELLORA DOS DATOS DE EMPREGO EN VIGO.

Podemos opina que os datos de desemprego marcan un dos niveis máis baixos dos últimos anos en Vigo, porque estamos comezando a percibir os efectos derivados da Reforma Laboral elaborada por Unidas–Podemos. Estamos convencidas que a nosa cidade está a vivir a mellor etapa en canto a creación de emprego por mor da aprobación da Reforma Laboral. A aprobación da devandita Reforma Laboral supuxo unha revisión profunda da lexislación laboral española para adaptala á nova realidade laboral, tecnolóxica e ecolóxica pospandemia do noso país, pero é soamente o primeiro paso deste proceso transformador que acabamos de comezar.

A Reforma Laboral conseguiu eliminar os aspectos máis regresivos e lesivos das reformas laborais anteriores que impediron que a xente recuperase os niveis de benestar previos á crise de 2008 e que foron escritas ao ditado da troika e co beneplácito da CEOE e as elites empresariais. 

Desde Podemos Vigo queremos trasladar á cidadanía viguesa a nosa satisfacción diante dos datos de emprego rexistrados na nosa cidade. En marzo deste ano como indicou algún xornal hai varios días, rexistráronse 108.710 afiliacións, é dicir, case 2000 máis que no mesmo mes de 2022. Para Podemos Vigo un dos factores principais, que favoreceu esta mellora substancial dos datos de emprego, é a Reforma Laboral.

Como salientou ese mesmo xornal, os datos demostran ademais que a fenda de xénero reduciuse na nosa cidade, xa que atoparon traballo 54.948 mulleres fronte a 53.771 homes. E o emprego xuvenil tamén mellorou ao atopar traballo no mes de marzo 4.230 menores de 25 anos. 

Para Podemos Vigo estes datos indican que a Reforma Laboral que impulsamos está a dar os seus froitos e a cidadanía viguesa xa está a percibir os seus efectos positivos. Coa Reforma Laboral conseguimos nun ano o que non se conseguiu durante os 40 anos anteriores.

Ademais hoxe mesmo soubemos que os datos de paro rexistrado publicados polo Servizo Público de Emprego (SEPE) amosan unha nova baixada do paro no mes de maio, concretamente de 49.260 persoas con respecto a abril. Despois de tres meses consecutivos de descenso, o total de desempregados sitúase en 2.739.110, a cifra máis baixa dun mes de maio desde 2008. Do mesmo xeito, o inicio da tempada estival tamén se aprecia na afiliación, que volveu medrar este mes en 200.411 persoas, superando por primeira vez na historia de España os 20,8 millóns de afiliados.

Desde Podemos Vigo queremos salientar que estes datos constitúen un fito histórico indiscutible, e estamos convencidas que esta reforma laboral supón unha clara recuperación e unha evidente mellora dos dereitos laborais da clase traballadora.

Resumo do Acto de Peche de Campaña da Coalición Podemos – Marea de Vigo:

Rubén Pérez centrou a súa intervención na vivenda. O resto de candidatas e candidatos falaron de democracia e orzamentos participativos, muller e feminismo, remunicipalización de servizos e emprego 

Meli Vázquez iniciou a súa intervención falando da necesidade de recuperar a democracia participativa en Vigo. A xuízo de Vázquez en Vigo retrocedemos na interlocución entre a cidadanía e o goberno municipal. Caballero ordena e manda, pero descoñece o que é o dereito de participación cidadá, que é un xeito de democracia no que os cidadáns teñen maior capacidade para decidir as políticas do seu barrio e da súa cidade, por medio do diálogo e o consenso. Eses mecanismos democráticos, como os orzamentos participativos, que converten os concellos en institucións moito máis abertas, plurais, transparentes e radicalmente democráticas. Nós levaremos adiante en Vigo ese instrumento para que as viguesas e os vigueses poidan decidir democraticamente, como e en que vanse orientar os gastos, e de que maneira vanse utilizar os recursos económicos e que investimentos teñen que facerse na nosa cidade. 

Eva Solla falou de feminismo e das medidas para mellorar a vida das mulleres que viven nos concellos onde goberna Unidas Podemos. Falou tamén da necesidade de que os concellos artellen medidas para combater a violencia de xénero.

Posteriormente interviu Serafín Valencia Triviño que falou polos Verdes Equo e fixo alusión ao modelo de cidade sostible e ao noso proxecto para converter Vigo nunha cidade máis verde e sostible.  Vigo debería incrementar as súas zonas verdes e parques arborizados, frontes aos xardíns ornamentais. Queremos un centro urbano deseñado para mellorar o seu impacto ambiental positivo mediante a planificación e a xestión urbana. Implementar as Zonas de Baixas Emisións (ZBE). Falou, tamén, de cuestións recollidas no noso programa para transformar a mobilidade na nosa cidade: Máis e mellores espazos peonís, beirarrúas libres de obstáculos, fomentar o uso da bicicleta, pero sobre todo mellor o servizo do transporte público en Vigo. Deberiamos avanzar cara a unha reordenación e ampliación de liñas en Vitrasa, ademais de avanzar tamén na remunicipalización do servizo.

Carlos Vázquez, de Recortes Cero, falou do programa de emprego da Coalición en Vigo. Tamén fixo alusión ás remunicipalizacións de servizos privatizados. Revisaremos a contratación pública do Concello de Vigo, evitando que devanditas contratacións se efectúen con mecanismos de selección arbitrarios ou pouco transparentes.Combateremos o nepotismo. Defendeu tamén a remunicipalización de servizos privatizados, como a empresa de auga ou a de transporte.

Rubén Pérez centrou a súa intervención na vivenda. Defendeu que actualmente o problema de vivenda en Vigo é notorio. O prezo do alugueiro na nosa cidade está polas nubes. Defendeu a nosa proposta programática para paliar o acceso a unha vivenda digna dos colectivos máis vulnerables da nosa cidade. Somos a garantía para aplicar a lei de Vivenda. Ademais falou dos datos de poboación que publicou recentemente o Instituto Nacional de Estatística que seguen diferindo excesivamente con respecto aos que manexa o Concello de Vigo a través do seu padrón. O organismo estatal cifra en 292.374 os habitantes da cidade, mentres que o censo municipal fala de 301.609 persoas. Rubén Pérez salientou que a “oficialidade” das cifras do INE, plasman unha “realidade” fronte aos números “cacarexados permanentemente” por Abel Caballero. O candidato á Alcaldía de Vigo por Podemos – Marea de Vigo avogou por aumentar a poboación promovendo alugueiros máis económicos. 

A esa rebaixa das rendas contribuiría a creación de vivenda en réxime de alugueiro social. Podemos-Marea de Vigo apostará por habilitar 4.000 pisos no vindeiros catro anos para loitar contra o aumento das contías que se están pedindo na cidade para arrendar un inmoble.

Despois das intervencións celebramos unha Festa fin de Campaña.

Podemos-Marea de Vigo exemplifica no Auditorio Mar de Vigo a falta de control público dos espazos e servizos públicos, e os custes económicos da falta de auditoría das concesións

Podemos-Marea de Vigo exemplifica no Auditorio Mar de Vigo a falta de control público dos espazos e servizos públicos, e os custes económicos da falta de auditoría das concesións. O candidato da coalición explicitou hoxe diante do Auditorio Mar de Vigo como a falta de xestión pública directa na construción de grandes equipamentos e a concesión a empresas privadas da súa xestión provocou que Vigo entrase en déficit por primeira vez en 14 anos e tivésemos que empregar 35 millóns de euros de recursos de todos os vigueses e viguesas para tapar o buraco da quebra. Podemos – Marea de Vigo consideran que a xestión pública directa ten que ser a primeira opción sempre na decisión pública do Concello 

Parécenos preocupante a xestión privatizada do Auditorio Mar de Vigo. Non é o Concello de Vigo quen xestiona o Auditorio e tampouco son técnicos municipais quen planifica todas as actividades e eventos culturais. Temos un auditorio público, pero quen xestiona os eventos é unha empresa privada. Esa empresa é quen xestiona todos os eventos que se desenvolven no Auditorio Mar de Vigo. Queda claro que a estratexia de Abel Caballero baséase nunha progresiva privatización da cultura. 

Podemos – Marea de Vigo opinamos que o feito de que os eventos culturais sexan xestionados e organizados por unha empresa privada, que se encarga da organización e coordinación das diferentes actividades culturais, supón un malgasto e un insulto á profesionalidade dos empregados municipais. Ademais pensamos que esa cesión da xestión cultural a unha concesionaria pon de manifesto a falta de confianza do equipo de goberno de Abel Caballero na súa propia capacidade de xestión e no traballo desempeñado polos empregados municipais adscritos á concellería de cultura. 

Doutra banda, a privatización das actividades culturais do Auditorio supón unha duplicación dos gastos, pois á suma do gasto de material e persoal da Concellería de Cultura hai que sumarlle o gasto a fondo perdido en apoios, subvencións e sostemento da concesionaria. pola xestión deficiente, organización dubidosa e planificación defectuosa dos eventos e outros servizos prestados pola concesionaria que, sen dúbida, poderían ser realizados polo propio Concello de Vigo cos seus propios medios. 

Podemos – Marea de Vigo revisará a actual concesión. Pensamos que é necesario reformular a xestión do Auditorio e recuperar o control sobre o deseño e planificación dos evento culturais. Non podemos permitir a privatización da cultura. 

Podemos – Marea de Vigo propón a creación dun Observatorio Municipal da Cultura e o Patrimonio de Vigo.

Podemos – Marea de Vigo creará un Observatorio Municipal da Cultura e o Patrimonio para a defensa, conservación e divulgación do Patrimonio histórico, artístico e cultural de Vigo, coa intervención de persoal técnico, entidades culturais, movemento veciñal, Colexio de Arquitectos e Universidade de Vigo. O Observatorio terá como misión central a recollida de información e avaliación do estado de todo tipo de patrimonio cultural, material e inmaterial. Ademais defenderemos, protexeremos, conservaremos e rehabilitaremos os edificios antigos con alto valor histórico, arquitectónico e artístico; así como a totalidade do noso patrimonio urbanístico.

Podemos –Marea de Vigo concibimos a cultura, do mesmo xeito que a educación, como un eixo artellador das políticas municipais. A cultura como espazo de intercambio de experiencias e de socialización, afastada do enfoque meramente consumista e competitivo do capitalismo. Propoñemos unha cultura creativa, formativa, que reafirme os procesos culturais de base.

Desde Podemos – Marea de Vigo cremos necesaria a revisión, recatalogación e protección do patrimonio urbanístico, arquitectónico e artístico da nosa cidade. Defenderemos, protexeremos, conservaremos e rehabilitaremos os edificios antigos con alto valor histórico, arquitectónico e artístico; así como a totalidade do noso patrimonio urbanístico. Este patrimonio constitúe un tesouro cultural de primeira orde e unha parte esencial da identidade da nosa cidade, polo que resulta especialmente grave a súa deterioración ou perda en beneficio de obxectivos puramente especulativos. Para estudar, defender, protexer e restaurar o noso patrimonio, constituiremos un Observatorio, Instituto ou Consello Municipal de Cultura e Patrimonio para a Defensa do Patrimonio de Vigo, coa intervención de persoal técnico en estreita colaboración coa Universidade de Vigo. O Observatorio terá como misión central a recollida de información e avaliación do estado de todo tipo de patrimonio cultural, material e inmaterial. Ese observatorio abranguerá os seguintes eidos temáticos: monumentos, edificios e conxuntos arquitectónicos, rede museística, lugares arqueolóxicos, paisaxes culturais, itinerarios culturais, sitios naturais, memoria histórica e patrimonio cultural inmaterial. Este Observatorio ou Consello Municipal de Cultura defenderá de maneira sistemática e rigorosa o noso patrimonio e evitará o desmantelamento dos servizos públicos culturais, especialmente da rede museística. Fai falta garantir a conservación do noso patrimonio material, histórico, arquitectónico, urbanístico, artístico e preservar a memoria histórica na nosa cidade. 

Parécenos necesario un novo uso da rede museísticamunicipal. Potenciaremos o valor dos nosos museos como foco de atractivo do turismo cultural. A escasa programación da rede de museos municipais fai que o número de visitantes diminúa drasticamente nos últimos anos. Debemos programar exposicións temporais en cada museo de acordo á temática específica de cada un, desde a Casa das Palabras, o Museo do Mar e o Museo Liste.

Ademais queremos garantir o acceso da cidadanía viguesa e a veciñanza dos municipios próximos a programas culturais integradores e de calidade, desde a hexemonía do sector público e coa participación do tecido sociocultural do municipio e a comarca. Igualmente, temos que poñer en valor o traballo dos sectores profesionais e artísticos de Vigo, máis tamén da cultura popular e de base. Hai que potenciar a Universidade Popular, as escolas municipais e apoiar ao tecido asociativo cultural e de base.

Garantiremos unha programación cultural con diversidade e perspectiva de xénero que impulse os proxectos de creación de mulleres e os contidos feministas, desenvolvendo, deste xeito, metodoloxías, indicadores e boas prácticas sobre os hábitos culturais feminizados na nosa cidade.