A coalición Podemos – Marea de Vigo transformará o modelo de xestión dos servizos sociais en Vigo

A coalición Podemos – Marea de Vigo transformará o modelo de xestión dos servizos sociais en Vigo.

Para Podemos – Marea de Vigo é necesario incrementar substancialmente o orzamento municipal dos Servizos Sociais Comunitarios coa dotación de recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, cumprindo os rateos profesionais de atención social e comunitaria necesarios. Defendemos un gasto social de 100 euros por habitante como mínimo. Asegurar, desde os Servizos Sociais Comunitarios, que toda a cidadanía poida acceder a recursos e prestacións suficientes para vivir de maneira digna, dentro dun dispositivo global e coherente de loita contra a pobreza e a exclusión social, con axudas sociais áxiles e directas. Ademais defendemos un Plan de Inclusión Social transversalizado que debería coordinar a súa actuación e implicar ao conxunto de políticas municipais en materia de emprego, vivenda, mocidade, sanidade e educación. Queremos remunicipalizar o Servizo SAF.

Podemos – Marea de Vigo critican a concepción dos servizos sociais do actual goberno municipal de Abel Caballero. Os Servizos Sociais municipais actualmente en Vigo son reactivos, atendendo de maneira deficiente e insatisfactoria as demandas que reciben de persoas que viven no noso territorio urbano. Pensamos que é escaso ou nulo o traballo de prevención das situacións de vulnerabilidade e risco de exclusión social. 

Opinamos que predomina un enfoque asistencialista, ineficiente e paternalista, centrado simplemente en determinadas carencias. Os actuais responsables políticos de servizos sociais terminan favorecendo a cronicidade e, coas consecuentes listas de espera, con risco de colapso. 

Podemos – Marea de Vigo entendemos que actualmente non se afrontan os grandes problemas sociais e colectivos da cidadanía viguesa e foméntase o individualismo e o illamento social, debido a que na maioría das intervencións non se realiza unha actuación integral e nin sequera se atenden correctamente as necesidades básicas relacionadas coa subsistencia vital, sendo o Concello de Vigo en boa medida un mero xestor de esmirradas prestacións, sen tempo real, na maioría dos casos, para desenvolver itinerarios que non terminan de fomentar un verdadeiro apoio real, a consecución da autonomía plena e o empoderamento dos colectivos vulnerables. 

Consideramos que o Concello de Vigo é a administración principal á hora de xestionar as políticas de Benestar Social e servizos sociais prestados á cidadanía, xa que é a institución máis próxima ás necesidades sociais da poboación. Defendemos a atribución de competencias en materia de servizos sociais e promoción e reinserción social que establece a Lei de Bases de Réxime Local para “promover toda clase de actividades e prestar cuantos servizos públicos favorezan a sa satisfacción de necesidades da comunidade veciñal»

Para Podemos – Marea de Vigo é necesario incrementar substancialmente o orzamento municipal dos Servizos Sociais Comunitarios coa dotación de recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, cumprindo os rateos profesionais de atención social axeitados. Gasto social de 100 euros por habitante como mínimo. Asegurar, desde os Servizos Sociais Comunitarios, que toda a cidadanía poida acceder a recursos e prestacións suficientes para vivir de maneira digna, dentro dun dispositivo global e coherente de loita contra a pobreza e exclusión social, con axudas sociais áxiles e directas.

Podemos – Marea de Vigo temos a firme vontade de eliminar a situación de extrema precariedade e desamparo na que se atopan as persoas usuarias dos colapsados servizos sociais do Concello de Vigo, dándolle prioridade á redución dos actuais tempos de espera nas citas de atención social, especialmente nos casos de solicitudes de prestacións de primeira necesidade.

Unha das prioridades de Podemos – Marea de Vigo é a revisión exhaustiva de todos os contratos coas entidades privadas, especialmente o do SAF, coa vista posta na remunicipalización da prestación dos servizos sociais. Cremos que hai que combater urxentemente os intentos de privatizar os servizos sociais e comprometémonos a buscar vías para reverter as privatizacións xa executadas.

Para Podemos – Marea de Vigo as necesidades que deben abordarse desde os servizos sociais municipais son derivados de problemas estruturais e por tanto a actuación municipal debe realizarse de maneira transversal deseñando un plan integral de servizos sociais que implique ao conxunto de concellerías e ese Plan de Inclusión Social transversalizado debería coordinar a actuación do conxunto de políticas municipais en materia de emprego, vivenda, mocidade, sanidade e educación.

Desenvolveremos un Plan de mellora de accesibilidade, en colaboración cos colectivos de persoas con diversidade funcional, para a eliminación de barreiras arquitectónicas na cidade de Vigo. 

Crearemos, en colaboración coa Xunta de Galicia, un segundo albergue para persoas sen teito e en situación de rúa.

Comprometémonos, tamén, a dotar aos servizos sociais do Concello dun parque de vivenda de emerxencia a xestionar directamente polas Unidades Básicas de Atención Social (UBAS).

Podemos – Marea de Vigo chaman á mobilización do voto alternativo e de esquerda.

Podemos – Marea de Vigo intensificaremos a nosa activade no tramo final de campaña para mobilizar ao electorado alternativo e de esquerda. Trasladaremos unha mensaxe nitida da necesidade de facer unha politca verdadeiramente de esquerda, poñendo o foco na vivenda, no emprego e na remunicipalización de servizos privatizados

Hoxe fixemos unha rolda de prensa na sede de Podemos Vigo, onde explicamos á opinión pública, como imos enfocar o traballo da nosa coalición os cinco días finais da campaña electoral. Cinco días que serán decisivos. Pensamos que noutros procesos electorais, no tramo final de campaña é cando o electorado se mobiliza, cando o electorado está realmente tensado, porén, nesta ocasión, chegamos a este traxecto final de campaña cunha situación que consideramos bastante atípica na secuencia histórica das eleccións municipais ao existir case un terzo, un de cada tres electores/as non posicionaron o seu voto, aínda que verbalizan que van ir votar. 

Para a coalición Podemos – Marea de Vigo estas cinco xornadas de campaña electoral, estes cinco dias son absolutamente decisivos, e na nosa proposta de campaña, que estivemos trasladándoa durante todo o período de campaña no que nos reunimos con moitísimos colectivos sociais e asociacións veciñais, poñiamos o foco na necesidade de que “recuperemos Vigo”, sobre a necesidade de recuperar vellos debates, e abrir outros novos, mesmo debates que xa existen noutras cidades con respecto ao futuro do urbanismo, con respecto ao futuro da sustentabilidade,  o futuro da planificación dos modelos de cidade, a cuestión da vivenda, da remunicipalización de servizos…  Por iso nestes cinco días finais de campaña imos poñer exemplos concretos de que como se poden traballar as cuestións políticas que estivemos poñendo enriba da mesa durante toda a campaña. Hai un factor que nós queremos salientar, que é que temos un instrumento que é a Lei de Vivenda, que vai permitir aos Concellos, de maneira clara e meridiana, declarar as zonas tensionadas, onde se incrementan de maneira notable os alugueiros, e que por tanto vaise poder actuar limitando e topando o prezo dos alugueiros. O Partido Popular xa anunciou que tentará impedir a aplicación desta norma e que desde a Comunidade Autónoma de Galicia vai tentar boicotear esta Lei de Vivenda. Por tanto, consideramos que o Partido Popular de Vigo non está autorizado na nosa cidade para falar de vivenda, non só despois de non levar adiante políticas de construción de vivenda pública, senón tamén negándose  a que exista un instrumento corrector, por primeira vez na historia da democracia española, que permita  evitar eses incrementos desorbitados dos alugueiros. A nosa coalición Podemos – Marea de Vigo vai explicar que zonas de Vigo teñen ese carácter de zonas tensionadas, como se podería facer desde o Concello de Vigo, e como podería desenvolverse unha estratexia axeitada desde a área de urbanismo para concretar esas 4000 vivendas que a nosa coalición verbalizou que é posible poñer a disposición da cidadanía. 

De todas maneiras tamén imos introducir nesta semana final de campaña a necesidade de remunicipalizar servizos privatizados, e sobre todo como hai que afrontar esas remunicipalizacións. Cales son os mecanismos, cales son os procedementos que un concello ten que seguir para que teñamos unha empresa de servizos que se encargue por exemplo do asfaltado, explicaremos mecanismos para evitar a xestión desastrosa do transporte urbano en Vigo, e como avanzar cara á remunicipalización de Vitrasa, e así con todos o servizo privatizados ou externalizados. Estamos convencidos que os servizos públicos remunicipalizados funcionan moito mellor e ademais elimínanse sobrecustos.

Tamén falaremos de como pode executarse un orzamento. Como é posible que o actual goberno de Abel Caballero deixe sen executar partidas de investimentos de máis do 70 – 80%? E sobre todo incidiremos tamén na falta de execución do capítulo 1, as partidas destinadas a financiar o emprego público municipal.

Poñeremos ao conxunto da militancia de todos os espazos que confluímos na coalición a traballar intensamente desde agora. Xa temos unha extensión de actos de diferentes formatos, actos grandes, actos máis pequenos e microactos que iremos desenvolvendo durante a campaña. Así mesmo teremos encontros cos movementos sociais e coas organizacións sindicais. Teremos un encontro con CC.OO. 

Tamén estará Pablo Fernández voceiro de Podemos, que estará o 25 de maio. Por todo o exposto cremos humildemente que imos conseguir mobilizar ao electorado de esquerda e verdadeiramente progresista que existe na nosa cidade.

Podemos – Marea de Vigo creará novas instalacións deportivas e mellorará as xa existentes

Podemos – Marea de Vigo defendemos unha mellora substancial das instalacións deportivas de Vigo e máis apoio municipal ao deporte de base

Podemos – Marea de Vigo entendemos o deporte base como unha parte máis das necesidades da veciñanza de Vigo, pois sabemos que o sedentarismo é un dos principais inimigos da saúde. A aposta decidida de Podemos – Marea de Vigo por converter Vigo nunha cidade saudable ponse de manifesto en toda unha serie de propostas que dan prioridade ao exercicio físico e á práctica deportiva e lúdica de calidade e con garantías para toda a cidadanía viguesa. Cremos que hai que recuperar o espazo público para o deporte, porén sempre deberá ser para un uso inclusivo e accesible, algo que faremos apoiando aos clubs deportivos da cidade, aos equipos xuvenís e contando con todos os colectivos deportivos de base. Igualmente ampliaremos e melloraremos as instalacións, equipamentos e escolas deportivas municipais, para garantir que o deporte feminino gañe espazo, e colaboremos estreitamente con todas as asociacións veciñais que queiran impulsar iniciativas e programas formativos deportivos nas parroquias. 

Podemos – Marea de Vigo propomos a elaboración dun Plan Estratéxico Municipal de Instalacións Deportivas, para analizar as necesidades de equipamentos e instalacións en Vigo e a súa área metropolitana. Incluirá unha planificación da reforma, rehabilitación e mantemento de todas os equipamentos e instalacións existentes nos barrios e a periferia da cidade e a creación de pavillóns e escolas deportivas nos barrios. Realizaremos unha reforma integral das pista de atletismo e o conxunto de instalacións deportivas de Balaidos. Achegaremos o deporte de base tamén aos centros educativos coa creación de novas escolas deportivas de iniciación aos deportes minoritarios. Recuperaremos igualmente a piscina da Etea e a súa área deportiva para o barrio de Teis.

Defendemos a creación dunha Escola Municipal de deportes náuticos que dote a Vigo dun servizo público e accesible que facilite as prácticas deportivas no mar. 

Podemos – Marea de Vigo queremos que se cre unha Escola Municipal de Ciclismo e da Bicicleta para facilitar a mobilidade pola cidade de Vigo e nun futuro tamén pola súa área metropolitana.

Desenvolveremos un programa formativo itinerante polos barrios, no espazo público, vinculado aos espazos, instalacións e equipamentos deportivos e físicos ao aire libre (circuítos de running, parques biosaudables, etc) para favorecer a práctica de exercicio saudable e seguro na nosa cidade. 

Estimamos que é necesario un incremento substancial de elementos que favorezan e impulsen a práctica deportiva de base e lúdica no espazo público: canastras e outros elementos de xogos en equipo interxeracionais, ademais de parques biosaudables.

Podemos – Marea de Vigo defenden un modelo alternativo de zonas verdes en Vigo

Fronte á concepción puramente decorativa e estética, Podemos – Marea de Vigo defende a ampliación substancial da superficie forestal, novas zonas boscosas que dean sombra e permitan atenuar os picos climáticos que están a darse de maneira xeralizada en todas as nosas cidades

Hoxe membros da coalición Podemos – Marea de Vigo participamos nunha xornada reivindicativa, organizada polas veciñas e veciños do Parque García Picher, unha xornada de reivindicación das superficies arboradas, das zonas verdes da nosa cidade . 

Unha xornada na que militantes de Podemos e Marea de Vigo botaremos unha man na limpeza deste parque, un parque desatendido, abandonado e que está agora mesmo suxeito a un proxecto urbanístico de modificación substancial, onde será creada unha superficie axardinada. 

Na nosa coalición entendemos que hai que repensar a estratexia planificación de zonas verdes e de parques e xardíns no Concello de Vigo. No noso programa, unha das propostas programáticas que nós expuxemos, e que vai en sintonía coa axenda política de zonas verdes que se están facendo noutras grandes cidades de Europa, é a substitución paulatina destas zonas axardinadas, que teñen un carácter estritamente ornamental, con plantas de tempada, que teñen un custo de mantemento e un uso dos caudais de rega que provoca un gasto de auga excesivo. Fronte á concepción puramente decorativa e estético dos deseños axardinados, a nosa coalición defende a substitución paulatina deses xardíns decorativos por zonas verdes, por superficie forestal, por zonas boscosas que dean sombra e permitan atenuar os picos climáticos que por desgraza están a darse de maneira xeralizada en todas as nosas cidades. A nosa proposta programática que recolle ideas, propostas en materia de urbanismo sostible, que se están facendo noutras cidades europeas como Paris ou Barcelona. Pretendemos incrementar a masa arborada no centro da cidade e noutros moitos lugares de Vigo. Non substituír as arboles xa crecidas ou maduras que temos no noso termo municipal por zonas axardinadas cun fin puramente ornamental. Pensamos que esa visión do axardinamento urbano ten un grave custo ambiental. Está estudado cientificamente que o uso de auga para a rega nese tipo de zonas axardinadas é un 60 % maior que nas superficies arborizadas. E imos defender esta política alternativa que permite gañar en biodiversidade, pero tamén en calidade e equilibrio ambiental e que ademais mellora o deseño sostible da nosa cidade. Todo isto vai igualmente ligado á necesidade de reducir o impacto que teñen os gases de efecto invernadoiro derivados das emisións de CO2 do tráfico rodado no centro da cidade, implantando unha política seria e rigorosa de zonas de baixas emisións, e tamén conecta coas políticas desenvolvidas por nós durante as dúas lexislaturas anteriores, fronte ás políticas irracionais e antiecolóxicas de tronzado masivo de árbores centenarias que existían na nosa cidade, como o caso de Rolda de Don Bosco ou como está a ocorrer noutras moitas supostas humanizacións da nosa cidade. E con este apoio á acción reivindicativa, dos veciños e veciñas do Parque García Picher, tamén queremos poñer en valor que se ten que escoitar aos veciños, pois o conxunto da veciñanza quere manter os seus parques con árbores e especies autóctonas. A maioría dos veciños e veciñas non queren zonas puramente decorativas.

Podemos – Marea de Vigo opinamos que en Vigo realizáronse demasiadas obras e “humanizacións grises”, sen ampliar os espazos verdadeiramente naturais, cunha ocupación progresiva dos solos por cemento, lousas e baldosas e nas que a natureza vai retrocedendo en favor do cemento. Cremos que é necesario crear novos espazos verdes, levar adiante unha verdadeira renaturalización da nosa cidade, plantar novas árbores, protexer a biodiversidade e loitar contra o cambio climático.

Os espazos verdes urbanos melloran a calidade de vida e a saúde das persoas, xa que reducen a contaminación filtrando o aire. Absorben o balbordo producido polo rodamento dos vehículos, axudan a suavizar a temperatura da cidade, rebaixándoa no verán e manténdoa constante no inverno. Estes espazos verdes urbanos son auténticos oasis na cidade e favorecen a socialización, a convivencia e o benestar emocional das persoas.

Por iso estamos convencidos que é necesario rexeitar o proxecto anunciado por Abel Caballero para a praza García Picher. A intención do Concello de Vigo é remodelar e redistribuír o espazo, onde na actualidade hai un fermoso parque de 290 metros cadrados, e converter devandita parcela en algo que pouco ten que ver co que ten que ser un espazo verde e natural.

Podemos – Marea de Vigo piden que o Concello de Vigo se poña do lado das familias do Vila de Pitanxo

Podemos – Marea de Vigo piden que o Concello de Vigo se poña do lado das familias do Vila de Pitanxo ante a neglixente xestión do Ministerio no embarque do buque que baixara ao pecio. 

Rubén Pérez e Meli Vázquez, xunto ao resto da candidatura de Podemos – Marea de Vigo, estivemos hoxe no barrio do Calvario, un barrio que se configura como un dos de renda máis baixa e ademais un lugar da cidade que nos últimos anos, por motivo do reponte do prezo da vivenda, é un dos polos de atracción de poboación mígrante que acolle a cidade de Vigo, poboación que tamén traballa no sector do mar, non sector portuario, non sector de transformación e pesca. 

Queremos facer unha valoración, nesta contorna, sobre o que ocorreu nas últimas datas con respecto á misión que vai ir a Terranova e que vaise mergullar onde se atopa o barco Vila de Pitanxo, e ao mesmo tempo lembrar que as familias dos mariñeiros falecidos polo naufraxio do buque Vila de Pitanxo, levan meses esixindo un proceso rigoroso de investigación por parte do aparello xudicial e a Audiencia Nacional que permita clarificar que ocorreu realmente o día do naufraxio. 

Para Podemos – Marea de Vigo este tráxico accidente e a investigación dos motivos do mesmo, xunto a depuración de responsabilidades, tamén é unha cuestión de cidade, xa que moitas veciñas e veciños desta cidade son familiares, amigos, parellas ou compañeiros de sector, e o que ocorreu onte, cando marchou o barco, sen ningunha clarificación por parte do Ministerio sobre se cumpría os requisitos que establecera a Audiencia Nacional e deixando en terra ao perito que as familias designaran para acompañar a expedición ou misión de investigación parécenos dunha extrema gravidade. Parécenos que introduce unha perigosa posibilidade de que a defensa da empresa armadora poida tentar invalidar a expedición ou o contido de todas as actuacións, probas documentais e periciais, que os letrados das familias acheguen como proba xudicial. O conxunto da cidade ten que poñerse do lado das 21 familias do Vila de Pitanxo. O goberno municipal e toda a cidade temos que defender un sector laboral do mar seguro, con dereitos. E se isto ten que derivar nunha causa xeral contra todo o sector do arrastre e contra todos os armadores, que non cumpren a actual lexislación de seguridade marítima, e contra as prácticas laborais abusivas, que durante anos se cronificaron no sector, desde logo esas actuacións terán todo o apoio de Podemos, Marea de Vigo e o resto de partidos da coalición.

Podemos-Marea de Vigo opinamos que moitos dos accidentes e naufraxios xorden da falta de supervisión das tarefas a bordo, a inobservancia da lexislación, os protocolos e as prácticas de seguridade marítima e a carencia de mecanismos de protección axeitados pola falta de investimentos das empresas armadoras. 

Podemos – Marea de Vigo queremos lembrar que, segundo un informe elaborado pola Oficina Internacional do Traballo (OIT), polo menos uns 24.000 pescadores e persoas relacionadas coa pesca e o procesado de peixe falecen cada ano, o que coloca á pesca e ás actividades relacionadas con ela entre as profesións máis perigosas. 

Finalmente Podemos – Marea de Vigo estamos convencidos que existe unha morea de lexislación sobre prevención de naufraxios e seguridade marítima, o que falta é suficiente vontade política para aplicala axeitadamente e pola falta de inspeccións que supervisen e sancionen aos responsables das neglixencia e incumprimentos legais.

Encontro de Podemos – Marea de Vigo co movemento ecoloxista da nosa cidade.

En Vigo hai moitas persoas que loitan pola defensa do medio ambiente porque queren conseguir grandes cambios e evitar un impacto directo na contorna natural e porque queren defender o noso medioambiente: xa sexa para paralizar un megaproxecto que ameaza a natureza ou para esixir xustiza climática, para evitar vertidos na Ría ou para deter a contaminación nun río…

Hai una días tivemos un encontro na sede de Podemos Vigo, na rúa Celso Emilio Ferreiro, 9, con Ecoloxistas en Acción, Greenpeace e Amigos da Terra.