Podemos-Marea de Vigo exemplifica no Auditorio Mar de Vigo a falta de control público dos espazos e servizos públicos, e os custes económicos da falta de auditoría das concesións

Podemos-Marea de Vigo exemplifica no Auditorio Mar de Vigo a falta de control público dos espazos e servizos públicos, e os custes económicos da falta de auditoría das concesións. O candidato da coalición explicitou hoxe diante do Auditorio Mar de Vigo como a falta de xestión pública directa na construción de grandes equipamentos e a concesión a empresas privadas da súa xestión provocou que Vigo entrase en déficit por primeira vez en 14 anos e tivésemos que empregar 35 millóns de euros de recursos de todos os vigueses e viguesas para tapar o buraco da quebra. Podemos – Marea de Vigo consideran que a xestión pública directa ten que ser a primeira opción sempre na decisión pública do Concello 

Parécenos preocupante a xestión privatizada do Auditorio Mar de Vigo. Non é o Concello de Vigo quen xestiona o Auditorio e tampouco son técnicos municipais quen planifica todas as actividades e eventos culturais. Temos un auditorio público, pero quen xestiona os eventos é unha empresa privada. Esa empresa é quen xestiona todos os eventos que se desenvolven no Auditorio Mar de Vigo. Queda claro que a estratexia de Abel Caballero baséase nunha progresiva privatización da cultura. 

Podemos – Marea de Vigo opinamos que o feito de que os eventos culturais sexan xestionados e organizados por unha empresa privada, que se encarga da organización e coordinación das diferentes actividades culturais, supón un malgasto e un insulto á profesionalidade dos empregados municipais. Ademais pensamos que esa cesión da xestión cultural a unha concesionaria pon de manifesto a falta de confianza do equipo de goberno de Abel Caballero na súa propia capacidade de xestión e no traballo desempeñado polos empregados municipais adscritos á concellería de cultura. 

Doutra banda, a privatización das actividades culturais do Auditorio supón unha duplicación dos gastos, pois á suma do gasto de material e persoal da Concellería de Cultura hai que sumarlle o gasto a fondo perdido en apoios, subvencións e sostemento da concesionaria. pola xestión deficiente, organización dubidosa e planificación defectuosa dos eventos e outros servizos prestados pola concesionaria que, sen dúbida, poderían ser realizados polo propio Concello de Vigo cos seus propios medios. 

Podemos – Marea de Vigo revisará a actual concesión. Pensamos que é necesario reformular a xestión do Auditorio e recuperar o control sobre o deseño e planificación dos evento culturais. Non podemos permitir a privatización da cultura. 

Podemos – Marea de Vigo propón a creación dun Observatorio Municipal da Cultura e o Patrimonio de Vigo.

Podemos – Marea de Vigo creará un Observatorio Municipal da Cultura e o Patrimonio para a defensa, conservación e divulgación do Patrimonio histórico, artístico e cultural de Vigo, coa intervención de persoal técnico, entidades culturais, movemento veciñal, Colexio de Arquitectos e Universidade de Vigo. O Observatorio terá como misión central a recollida de información e avaliación do estado de todo tipo de patrimonio cultural, material e inmaterial. Ademais defenderemos, protexeremos, conservaremos e rehabilitaremos os edificios antigos con alto valor histórico, arquitectónico e artístico; así como a totalidade do noso patrimonio urbanístico.

Podemos –Marea de Vigo concibimos a cultura, do mesmo xeito que a educación, como un eixo artellador das políticas municipais. A cultura como espazo de intercambio de experiencias e de socialización, afastada do enfoque meramente consumista e competitivo do capitalismo. Propoñemos unha cultura creativa, formativa, que reafirme os procesos culturais de base.

Desde Podemos – Marea de Vigo cremos necesaria a revisión, recatalogación e protección do patrimonio urbanístico, arquitectónico e artístico da nosa cidade. Defenderemos, protexeremos, conservaremos e rehabilitaremos os edificios antigos con alto valor histórico, arquitectónico e artístico; así como a totalidade do noso patrimonio urbanístico. Este patrimonio constitúe un tesouro cultural de primeira orde e unha parte esencial da identidade da nosa cidade, polo que resulta especialmente grave a súa deterioración ou perda en beneficio de obxectivos puramente especulativos. Para estudar, defender, protexer e restaurar o noso patrimonio, constituiremos un Observatorio, Instituto ou Consello Municipal de Cultura e Patrimonio para a Defensa do Patrimonio de Vigo, coa intervención de persoal técnico en estreita colaboración coa Universidade de Vigo. O Observatorio terá como misión central a recollida de información e avaliación do estado de todo tipo de patrimonio cultural, material e inmaterial. Ese observatorio abranguerá os seguintes eidos temáticos: monumentos, edificios e conxuntos arquitectónicos, rede museística, lugares arqueolóxicos, paisaxes culturais, itinerarios culturais, sitios naturais, memoria histórica e patrimonio cultural inmaterial. Este Observatorio ou Consello Municipal de Cultura defenderá de maneira sistemática e rigorosa o noso patrimonio e evitará o desmantelamento dos servizos públicos culturais, especialmente da rede museística. Fai falta garantir a conservación do noso patrimonio material, histórico, arquitectónico, urbanístico, artístico e preservar a memoria histórica na nosa cidade. 

Parécenos necesario un novo uso da rede museísticamunicipal. Potenciaremos o valor dos nosos museos como foco de atractivo do turismo cultural. A escasa programación da rede de museos municipais fai que o número de visitantes diminúa drasticamente nos últimos anos. Debemos programar exposicións temporais en cada museo de acordo á temática específica de cada un, desde a Casa das Palabras, o Museo do Mar e o Museo Liste.

Ademais queremos garantir o acceso da cidadanía viguesa e a veciñanza dos municipios próximos a programas culturais integradores e de calidade, desde a hexemonía do sector público e coa participación do tecido sociocultural do municipio e a comarca. Igualmente, temos que poñer en valor o traballo dos sectores profesionais e artísticos de Vigo, máis tamén da cultura popular e de base. Hai que potenciar a Universidade Popular, as escolas municipais e apoiar ao tecido asociativo cultural e de base.

Garantiremos unha programación cultural con diversidade e perspectiva de xénero que impulse os proxectos de creación de mulleres e os contidos feministas, desenvolvendo, deste xeito, metodoloxías, indicadores e boas prácticas sobre os hábitos culturais feminizados na nosa cidade.

Axenda de Actos venres 26 de maio

📢Podemos – Marea de Vigo informan: 🗓

📕PREVISIÓN DE ACTOS DO VENRES 26 DE MAIO

⏰11:00 a 13:00 h. / 17:00 a 19:00 h.- As persoas integrantes da candidatura, xunto ao equipo de campaña e a militancia dos diversos espazos que conflúen na coalición Podemos-Marea de Vigo estaremos repartindo folletos e propaganda electoral na zona centro de Vigo.

⏰12:00 h. “Recuperemos o Auditorio. Contra a privatización da Cultura”. Rolda de Prensa no Auditorio Mar de Vigo. Na explanada entre Hotel e o Auditorio. Falará Rubén Pérez Correa, Candidato á Alcaldía de Vigo.

⏰17:00 h.- ACTO PÚBLICO: “Recuperemos Matamá”. Faladoiro coa veciñanza de Matamá. Na Asociación Veciñal A Unión de Matamá, na rúa do Castro, 19 – Fonte do Luns en Matamá. O candidato á Alcaldía, Rubén Pérez defenderá as propostas programáticas de Podemos – Marea de Vigo para facer de Matamá unha Parroquia viva e dinámica.

⏰20:00 h.- ACTO PÚBLICO E FESTA FIN DE CAMPAÑA. Acto de Peche de Campaña e Festa Fin de Campaña na Praza do Pobo Galego.

🗣Falarán:

👉🏼 * Meli Vázquez Callejo (Candidata nº 2 da Coalición Podemos – Marea de Vigo. Voceira de Podemos Vigo).

👉🏼 * Eva Solla Fernández (Coordinadora Nacional de Esquerda Unida).

👉🏼 * Serafín Valencia Triviño (Candidato da Coalición Podemos – Marea de Vigo. Membro de Verdes – Equo).

👉🏼 * Carlos Vázquez González (Candidato da Coalición Podemos Marea de Vigo. Voceiro de Recortes Cero).

👉🏼 * Rubén Pérez Correa (Candidato a Alcaldía pola Coalición Podemos – Marea de Vigo).

PODEMOS – MAREA DE VIGO COMPROMÉTENSE A UNHA REFORMA RADICAL DA POLITICA MUNICIPAL DE PROTECCIÓN E BENESTAR ANIMAL.

A coalición Podemos – Marea de Vigo defende que se consensúe coas organizacións ecoloxistas, animalistas, colectivos sociais, veciñais e a Universidade de Vigo unha Carta de Principios Programáticos e Compromisos do Concello de Vigo en relación ao benestar e a protección animal no noso municipio. 

Hoxe Podemos – Marea de Vigo participa nun acto público en VigoZoo. Facemos ese acto para denunciar a sucesión de mortes de animais en situacións anómalas que se producen en Vigozoo desde hai anos. A nosa coalición quere transmitir publicamente o seu enorme anoxo e indignación pola situación de total abandono das actuais instalacións. Pensamos que o concepto de zoo tradicional é obsoleto e a nosa proposta é reformular o modelo do zoo para que se reconverta en algo totalmente diferente. É inadmisible que Vigozoo siga sendo un cárcere de animais e pensamos que debería reconverterse nun lugar onde a cidadanía viguesa senta a necesidade de amar e respectar a natureza. Debería transformarse nun lugar de apoio ao estudo, a investigación e a aprendizaxe ambiental. Ademais propoñemos a aplicación da estratexia ZOO XXI para reconverter o Zoo da Madroa nun santuario de especies protexidas, anulando calquera nova adquisición de animais salvaxes.

Podemos – Marea de Vigo queremos poñer en valor a aprobación da Lei de Benestar Animal que é unha normativa que impulsamos desde Unidas Podemos e que ten como obxectivo protexer aos animais de calquera forma de malos tratos ou neglixencia. Esta lei establece un rigoroso marco legal para regular a maneira en que os animais son tratados en todas as etapas da súa vida, desde o seu nacemento ata a súa morte. Unidas Podemos sempre defendeu o benestar animal, con medidas como a rebaixa no IVE dos servizos veterinarios e os produtos de alimentación animal; a tipificación do delito de malos tratos aos animais salvaxes e a elevación de penas por malos tratos e abandono de animais domésticos; a eliminación de axudas e subvencións relacionadas coa tauromaquia, así como a prohibición de espectáculos que impliquen malos tratos animais. Ademais, impulsamos a reforma do Código Civil no Congreso de Deputados para que os animais deixarán de ser considerados cousas e fosen recoñecidos como seres sententes. 

A coalición Podemos – Marea de Vigo defende que se consensúe coas organizacións ecoloxistas, animalistas, colectivos sociais, veciñais e a Universidade de Vigo unha Carta de Principios Programáticos e Compromisos do Concello de Vigo en relación ao benestar e a protección animal no noso municipio. Devandita carta debería ser posteriormente discutida e aprobada no Pleno do Concello.

Tamén defendemos a creación dun Observatorio ou Instituto Municipal de Protección Animal para implementar, desenvolver, coordinar, vixiar, avaliar e efectuar o seguimento ás Políticas de Protección e Benestar Animal no Concello de Vigo. Ese observatorio realizaría un seguimento da situación dos animais no termo municipal de Vigo e xeraría os espazos de colaboración interinstitucional e apoio técnico en relación a todos os equipamentos públicos municipais creados e destinados á protección e ao benestar animal na nosa cidade. 

Podemos – Marea de Vigo opinamos que hai que avanzar xa en modelos alternativos de coxestión que permita aos colectivos ecoloxistas, ambientalistas e asociacións animalistas participar na xestión da protectora municipal de Vigo, para evitar, entre outras cousas, abandono de animais, malos tratos, perigo de epidemias e sobrepoboación de animais en situación de rúa.

Igualmente parécenos necesaria a coxestión dos parques zoosanitarios con asociacións protectoras de animais e promover o control dos animais domésticos aplicando a normativa vixente de obrigatoriedade do uso do microchip.

Parécenos necesaria a promoción de campañas de concienciación da cidadanía sobre o dereito de todos os seres vivos a ter un trato respectuoso.

Facilitar a vida cotiá daquelas persoas que teñen animais domésticos: permitindo aos cans viaxar no transporte público, como sucede noutros territorios europeos, ou crear garderías municipais para que se poidan deixar os animais domésticos durante estancias curtas ou vacacións, evitando o abandono.

Marea de Vigo non dará licenza a espectáculos circenses que utilicen animais nas súas actuacións. Ademais propoñemos a creación no noso Concello dunha unidade municipal especializada en benestar animal encargada do rescate, a vixilancia e o control do cumprimento da actual normativa en materia de protección animal.

Vídeo de Rubén Pérez Correa, Meli Vázquez Callejón, Serafín Valencia Triviño e outros membros da candidatura nunha visita a VigoZoo na Madroa en Vigo.