
Galicia amence hoxe coa memoria ardendo baixo a pel da súa historia. As loitas, que un día escacharon o silencio, transformaron unha multitude dispersa nunha clase traballadora consciente de si mesma, capaz de erguer a cabeza e falar con voz propia fronte ás inxustizas. O Día da Clase Obreira Galega non é unha evocación melancólica nin un ritual de homenaxe e lembranza. É unha data de afirmación colectiva, unha xornada de loita baseada na realidade presente e unha advertencia baseada nas arelas dunha maioría social que quere conquistar o futuro, porque cada dereito conquistado polas traballadoras e traballadores continúa hoxe baixo presión, cuestionado por novas formas de precariedade que cambian de faciana porén perseguen o mesmo obxectivo de sempre, dobrar a dignidade de quen vivimos do noso traballo.
A mocidade galega sofre esa presión con especial crueza. Encadea contratos temporais, salarios que non abondan para vivir, xornadas que devoran a vida privada e un horizonte de vivenda que se afasta coma unha utopía inalcanzábel, todo iso nun escenario que non pode asumirse como normal. A precariedade non é unha lei da natureza é unha arquitectura social deseñada para concentrar beneficios en poucas mans mentres sementa incerteza entre a maioría da poboación. Cando un país empurra a súa xuventude cara á emigración ou á renuncia dos seus soños está a condenarse a si mesmo. A dignidade laboral non é unha quimera idealista, é a base imprescindíbel sobre a que se constrúe calquera sociedade moderna.
Ese dereito á dignidade tamén pertence aos colectivos LGTBIQA+ e ás persoas trans que continúan loitando contra a discriminación laboral e a violencia simbólica e material que pretende disciplinar as súas vidas. A diversidade non é un adorno cosmolingüístico nin unha etiqueta de consumo cultural é unha realidade humana que debe traducirse en protección efectiva, oportunidades iguais e espazos libres de odio e discriminación. Ningunha clase traballadora pode ser forte se parte dela permanece sometida ao medo, ao insulto ou á invisibilidade.
O mesmo ocorre coas persoas inmigrantes que sosteñen sectores enteiros da economía galega mentres padecen contractos inxustos, salarios inferiores e un racismo estrutural que tenta mantelas nunha posición subalterna. As mans que coidan, recollen, constrúen e producen son as mesmas que moitas veces non teñen recoñecemento nin dereitos garantidos. A clase traballadora non se entende sen elas. A solidariedade non é só un principio ético é unha ferramenta política que permite tecer comunidade alí onde o sistema intenta sementar división.
Todos estes sectores comparten unha mesma fronteira invisíbel que os separa do poder real. Un poder que hoxe se reorganiza ao redor dun novo ciclo militarista. O chamado Plan de Rearmamento Europa 2030 avanza como un proxecto que promete seguridade pero que alimenta unha lóxica de confrontación global. O imperialismo muta mais non desaparece e o militarismo preséntase como un motor económico que pretende lexitimar a industria de guerra á conta dos recursos públicos que deberían garantir vivenda, saúde, educación e emprego digno. Cando o continente europeo aposta polo armamento en lugar de centrar as súas enerxías en construír unha paz xusta converte á cidadanía en espectadora dun xogo que non escolleu pero do que pagará as consecuencias.
Por iso o Día da Clase Obreira Galega serve tamén para lembrar que a loita polo traballo digno está entrelazada coa loita contra todas as formas de dominación. A explotación laboral, a discriminación de xénero e identidade sexual, a xenofobia, o racismo, a persecución da disidencia sexual e o militarismo comparten unha mesma raíz que é a concentración do poder e a deshumanización das maiorías sociais. A resposta non pode ser fragmentada nin timorata necesita da valentía colectiva que nace cando os sectores subalternos recoñecen que teñen unha historia común e unha forza máis grande do que lles fixeron crer.
Este 10 de marzo non se celebra só unha data. Afírmase unha memoria de resistencia, unha vontade de futuro e unha certeza simple e profunda. Nada é inevitábel cando un pobo decide organizarse e dicer abonda. A clase obreira galega sabeo porque o aprendeu nas fábricas, nos estaleiros, no mar, no agro, nas aulas, nos hospitais e en todos os espazos onde a vida se sostén. Hoxe esa voz volve erguerse para lembrar que a dignidade non se mendiga senón que se conquista.
Hoxe martes 10 de marzo Podemos Vigo volve situarse do lado da clase obreira galega cunha presenza activa nas rúas e cun discurso firme en defensa dos dereitos laborais e sociais. A nosa participación procura reforzar a unidade fronte á precariedade e ao avance do militarismo que ameaza o benestar común.
Vigo, 10 de marzo de 2026




