
Ecocidio. A necesidade de protexer o planeta desde o dereito internacional
A crise ecolóxica planetaria converteuse nun dos maiores desafíos do noso tempo. A destrución de ecosistemas, a contaminación masiva, a perda acelerada de biodiversidade e o agravamento da crise climática mostran que os mecanismos actuais de protección ambiental resultan insuficientes fronte a determinadas actividades humanas que provocan danos de enorme magnitude. Neste contexto xorde con forza unha proposta xurídica e política cada vez máis apoiada a nivel internacional. O recoñecemento do ecocidio como delito no dereito penal internacional.
A iniciativa mundial STOP Ecocidio Internacional expón precisamente ese obxectivo. Conseguir que os danos máis graves contra o medioambiente poidan ser perseguidos penalmente a escala global. Da mesma forma que hoxe o dereito internacional contempla crimes como o xenocidio, os crimes de guerra ou os crimes de lesa humanidade, esta proposta busca que tamén se recoñeza a destrución masiva da natureza como un crime contra a comunidade internacional.
Segundo a definición proposta por un panel internacional de expertos xuristas, o ecocidio entenderíase como calquera acto ilícito ou arbitrario labor a propósito de que existe unha probabilidade substancial de causar danos graves, extensos ou duradeiros ao medioambiente. Esta definición pretende delimitar con precisión os casos nos que a destrución ambiental alcanza un nivel tan elevado que debe ser considerada un crime internacional.
Para comprender o alcance deste concepto é importante deterse nalgúns dos seus elementos. Consideraríase arbitrario o acto temerario que ignora danos claramente excesivos en relación coa suposta vantaxe social ou económica prevista. O dano grave sería aquel que provoca cambios moi adversos, perturbacións importantes ou danos notorios en calquera elemento do medioambiente, incluíndo efectos serios para a vida humana ou para os recursos naturais, culturais ou económicos.
Pola súa banda, o carácter extenso do dano refírese a aquel que supera unha zona xeográfica limitada, que pode traspasar fronteiras estatais ou afectar a ecosistemas completos, especies enteiras ou a un gran número de persoas. Finalmente, o dano duradeiro sería aquel que resulta irreversible ou que non pode repararse mediante a súa rexeneración natural nun prazo razoable.
A proposta tamén define o medioambiente nun sentido amplo. Inclúe a Terra e todos os seus sistemas naturais, como a biosfera, a criosfera, a litosfera, a hidrosfera e a atmosfera, así como o espazo ultraterrestre. Esta visión reflicte unha comprensión integral do planeta como un sistema interconectado cuxa alteración pode ter consecuencias globais.
A incorporación do ecocidio ao dereito penal internacional tería importantes implicacións. En primeiro lugar permitiría perseguir penalmente a quen tome decisións que provoquen danos ambientais masivos, especialmente cando se realizan con pleno coñecemento das súas consecuencias. En segundo lugar xeraría un efecto disuasorio fronte a actividades que hoxe en moito casos quedan impunes ou reciben sancións insuficientes en comparación co dano causado.
Ademais supoñería un avance significativo no recoñecemento de que a protección da natureza non é unicamente unha cuestión ética ou política, senón tamén unha obrigación xurídica internacional. Nun mundo cada vez máis interdependente, a destrución de ecosistemas non afecta só a un territorio concreto senón que pode ter consecuencias para toda a humanidade.
Desde Vigo, unha cidade profundamente vencellada ao mar e á contorna natural que a rodea, esta reflexión resulta especialmente relevante. A defensa do medioambiente non é só unha cuestión ecolóxica. Tamén é unha cuestión social, económica e cultural que afecta directamente ao noso presente e ao noso futuro.
Recoñecer o ecocidio como delito internacional significaría afirmar que a destrución grave da natureza non pode quedar impune. Tamén supoñería dar un paso histórico cara a unha xustiza ambiental global capaz de protexer o planeta e garantir o dereito das xeracións futuras a vivir nunha Terra habitable.
Máis información:
https://es.stopecocide.earth

