
A Atención Primaria en Vigo e na súa área sanitaria leva anos sufrindo un deterioro progresivo que xa ten consecuencias directas na vida contiá da cidadanía. Conseguir cita no centro de saúde, ter tempo suficiente co médico ou atopar profesionais dispoñibles converteuse nun problema habitual para moitas persoas.
O malestar do persoal e usuarias é un síntoma máis dunha situación que as propias plataformas en defensa da Sanidade Pública levan tempo denunciando como límite. Falamos de sobrecarga asistencial, falta de persoal, exceso de burocracia e ausencia dunha planificación real para garantir unha atención sanitaria pública de calidade.
Esta crise non apareceu de repente. Durante anos, a Atención Primaria foi perdendo recursos e capacidade resolutiva. Hoxe moitos médicos e médicas teñen axendas saturadas, con máis pacientes dos recomendables, e unhas condicións laborais que dificultan a estabilidade do persoal e a chegada de novos profesionais ao sistema público.
En Vigo e na súa área sanitaria esta realidade tamén se nota nos centros de saúde e nos puntos de atención continuada, onde a presión asistencial é cada vez maior e os recursos non medran ao mesmo ritmo que as necesidades da poboación.
A Atención Primaria é a porta de entrada ao sistema sanitario público e unha peza clave para garantir a igualdade no acceso á saúde. Sen un reforzo real de persoal, recursos e planificación, o sistema segue camiñando cara a un modelo cada vez máis saturado e con peor atención para a cidadanía.
Desde Podemos Vigo defendemos unha Atención Primaria forte, con máis profesionais, menos burocracia e tempos de consulta dignos para pacientes e sanitarios. A saúde pública non pode seguir sendo o elo débil do sistema sanitario. É hora de reforzala e poñela no centro das políticas públicas.

