Rubén Pérez e Meli Vázquez visitaron o Mercado de Bouzas e repartiron folletos e propaganda electoral e aproveitaron para falar coas veciñas e veciños do barrio. Puideron explicar as propostas programáticas e intercambiar ideas coas persoas que estaban no Mercado e arredores.
Fronte á concepción puramente decorativa e estética, Podemos – Marea de Vigo defende a ampliación substancial da superficie forestal, novas zonas boscosas que dean sombra e permitan atenuar os picos climáticos que están a darse de maneira xeralizada en todas as nosas cidades
Hoxe membros da coalición Podemos – Marea de Vigo participamos nunha xornada reivindicativa, organizada polas veciñas e veciños do Parque García Picher, unha xornada de reivindicación das superficies arboradas, das zonas verdes da nosa cidade .
Unha xornada na que militantes de Podemos e Marea de Vigo botaremos unha man na limpeza deste parque, un parque desatendido, abandonado e que está agora mesmo suxeito a un proxecto urbanístico de modificación substancial, onde será creada unha superficie axardinada.
Na nosa coalición entendemos que hai que repensar a estratexia planificación de zonas verdes e de parques e xardíns no Concello de Vigo. No noso programa, unha das propostas programáticas que nós expuxemos, e que vai en sintonía coa axenda política de zonas verdes que se están facendo noutras grandes cidades de Europa, é a substitución paulatina destas zonas axardinadas, que teñen un carácter estritamente ornamental, con plantas de tempada, que teñen un custo de mantemento e un uso dos caudais de rega que provoca un gasto de auga excesivo. Fronte á concepción puramente decorativa e estético dos deseños axardinados, a nosa coalición defende a substitución paulatina deses xardíns decorativos por zonas verdes, por superficie forestal, por zonas boscosas que dean sombra e permitan atenuar os picos climáticos que por desgraza están a darse de maneira xeralizada en todas as nosas cidades. A nosa proposta programática que recolle ideas, propostas en materia de urbanismo sostible, que se están facendo noutras cidades europeas como Paris ou Barcelona. Pretendemos incrementar a masa arborada no centro da cidade e noutros moitos lugares de Vigo. Non substituír as arboles xa crecidas ou maduras que temos no noso termo municipal por zonas axardinadas cun fin puramente ornamental. Pensamos que esa visión do axardinamento urbano ten un grave custo ambiental. Está estudado cientificamente que o uso de auga para a rega nese tipo de zonas axardinadas é un 60 % maior que nas superficies arborizadas. E imos defender esta política alternativa que permite gañar en biodiversidade, pero tamén en calidade e equilibrio ambiental e que ademais mellora o deseño sostible da nosa cidade. Todo isto vai igualmente ligado á necesidade de reducir o impacto que teñen os gases de efecto invernadoiro derivados das emisións de CO2 do tráfico rodado no centro da cidade, implantando unha política seria e rigorosa de zonas de baixas emisións, e tamén conecta coas políticas desenvolvidas por nós durante as dúas lexislaturas anteriores, fronte ás políticas irracionais e antiecolóxicas de tronzado masivo de árbores centenarias que existían na nosa cidade, como o caso de Rolda de Don Bosco ou como está a ocorrer noutras moitas supostas humanizacións da nosa cidade. E con este apoio á acción reivindicativa, dos veciños e veciñas do Parque García Picher, tamén queremos poñer en valor que se ten que escoitar aos veciños, pois o conxunto da veciñanza quere manter os seus parques con árbores e especies autóctonas. A maioría dos veciños e veciñas non queren zonas puramente decorativas.
Podemos – Marea de Vigo opinamos que en Vigo realizáronse demasiadas obras e “humanizacións grises”, sen ampliar os espazos verdadeiramente naturais, cunha ocupación progresiva dos solos por cemento, lousas e baldosas e nas que a natureza vai retrocedendo en favor do cemento. Cremos que é necesario crear novos espazos verdes, levar adiante unha verdadeira renaturalización da nosa cidade, plantar novas árbores, protexer a biodiversidade e loitar contra o cambio climático.
Os espazos verdes urbanos melloran a calidade de vida e a saúde das persoas, xa que reducen a contaminación filtrando o aire. Absorben o balbordo producido polo rodamento dos vehículos, axudan a suavizar a temperatura da cidade, rebaixándoa no verán e manténdoa constante no inverno. Estes espazos verdes urbanos son auténticos oasis na cidade e favorecen a socialización, a convivencia e o benestar emocional das persoas.
Por iso estamos convencidos que é necesario rexeitar o proxecto anunciado por Abel Caballero para a praza García Picher. A intención do Concello de Vigo é remodelar e redistribuír o espazo, onde na actualidade hai un fermoso parque de 290 metros cadrados, e converter devandita parcela en algo que pouco ten que ver co que ten que ser un espazo verde e natural.
Podemos – Marea de Vigo piden que o Concello de Vigo se poña do lado das familias do Vila de Pitanxo ante a neglixente xestión do Ministerio no embarque do buque que baixara ao pecio.
Rubén Pérez e Meli Vázquez, xunto ao resto da candidatura de Podemos – Marea de Vigo, estivemos hoxe no barrio do Calvario, un barrio que se configura como un dos de renda máis baixa e ademais un lugar da cidade que nos últimos anos, por motivo do reponte do prezo da vivenda, é un dos polos de atracción de poboación mígrante que acolle a cidade de Vigo, poboación que tamén traballa no sector do mar, non sector portuario, non sector de transformación e pesca.
Queremos facer unha valoración, nesta contorna, sobre o que ocorreu nas últimas datas con respecto á misión que vai ir a Terranova e que vaise mergullar onde se atopa o barco Vila de Pitanxo, e ao mesmo tempo lembrar que as familias dos mariñeiros falecidos polo naufraxio do buque Vila de Pitanxo, levan meses esixindo un proceso rigoroso de investigación por parte do aparello xudicial e a Audiencia Nacional que permita clarificar que ocorreu realmente o día do naufraxio.
Para Podemos – Marea de Vigo este tráxico accidente e a investigación dos motivos do mesmo, xunto a depuración de responsabilidades, tamén é unha cuestión de cidade, xa que moitas veciñas e veciños desta cidade son familiares, amigos, parellas ou compañeiros de sector, e o que ocorreu onte, cando marchou o barco, sen ningunha clarificación por parte do Ministerio sobre se cumpría os requisitos que establecera a Audiencia Nacional e deixando en terra ao perito que as familias designaran para acompañar a expedición ou misión de investigación parécenos dunha extrema gravidade. Parécenos que introduce unha perigosa posibilidade de que a defensa da empresa armadora poida tentar invalidar a expedición ou o contido de todas as actuacións, probas documentais e periciais, que os letrados das familias acheguen como proba xudicial. O conxunto da cidade ten que poñerse do lado das 21 familias do Vila de Pitanxo. O goberno municipal e toda a cidade temos que defender un sector laboral do mar seguro, con dereitos. E se isto ten que derivar nunha causa xeral contra todo o sector do arrastre e contra todos os armadores, que non cumpren a actual lexislación de seguridade marítima, e contra as prácticas laborais abusivas, que durante anos se cronificaron no sector, desde logo esas actuacións terán todo o apoio de Podemos, Marea de Vigo e o resto de partidos da coalición.
Podemos-Marea de Vigo opinamos que moitos dos accidentes e naufraxios xorden da falta de supervisión das tarefas a bordo, a inobservancia da lexislación, os protocolos e as prácticas de seguridade marítima e a carencia de mecanismos de protección axeitados pola falta de investimentos das empresas armadoras.
Podemos – Marea de Vigo queremos lembrar que, segundo un informe elaborado pola Oficina Internacional do Traballo (OIT), polo menos uns 24.000 pescadores e persoas relacionadas coa pesca e o procesado de peixe falecen cada ano, o que coloca á pesca e ás actividades relacionadas con ela entre as profesións máis perigosas.
Finalmente Podemos – Marea de Vigo estamos convencidos que existe unha morea de lexislación sobre prevención de naufraxios e seguridade marítima, o que falta é suficiente vontade política para aplicala axeitadamente e pola falta de inspeccións que supervisen e sancionen aos responsables das neglixencia e incumprimentos legais.
En Vigo hai moitas persoas que loitan pola defensa do medio ambiente porque queren conseguir grandes cambios e evitar un impacto directo na contorna natural e porque queren defender o noso medioambiente: xa sexa para paralizar un megaproxecto que ameaza a natureza ou para esixir xustiza climática, para evitar vertidos na Ría ou para deter a contaminación nun río…
Hai una días tivemos un encontro na sede de Podemos Vigo, na rúa Celso Emilio Ferreiro, 9, con Ecoloxistas en Acción, Greenpeace e Amigos da Terra.
Podemos – Marea de Vigo estamos convencidos de que a mellor maneira de administrar os recursos públicos é democratizando a xestión dos mesmos, e os Orzamentos Participativos son a mellor ferramenta para favorecer a participación cidadá activa e a democracia participativa. Tamén queremos Xuntas de Distrito e desconcentrar a xestión municipal.
Podemos – Marea de Vigo propoñemos impulsar no noso municipio mecanismos para que a cidadanía viguesa poida decidir democraticamente o destino dos recursos públicos, procurando entre todas as mellores solucións ás necesidades existentes no noso Concello.
A coalición Podemos – Marea de Vigo desexa desenvolver en Vigo mecanismos que sirvan para promover uns orzamentos participativos que consigan dotar a xestión dos recursos públicos municipais de maior transparencia e eficiencia, e que poida abrirse un debate entre o conxunto da cidadanía viguesa, os representantes políticos e o persoal técnico sobre o uso do diñeiro público que, en definitiva, procede dos impostos da cidadanía viguesa.
Para Podemos-Marea de Vigo os orzamentos participativos favorecerían unha maior transparencia e eficiencia na xestión municipal. Ademais estamos seguros que melloraría a comunicación entre a administración municipal e a cidadanía viguesa, porque xerarían espazos de interlocución entre representantes públicos, veciños/as, colectivos sociais e persoal técnico.
Temos o convencemento que coa aplicación duns orzamentos participativos favoreceríase un proceso aberto a toda a veciñanza, que posibilitaría a participación directa de todas as persoas, superando así a lóxica reducionista baseada na participación representativa, que se limita á acción de votar cada catro anos. Por outra banda, Podemos – Marea de Vigo avogamos por que sexa un proceso autorregulado, é dicir, que son os propios participantes os que deciden como deben ser as «regras do xogo» que deben rexer o proceso. Cos orzamentos participativos fomentariamos a reflexión activa e a solidariedade por canto todos os veciños e veciñas terían a oportunidade de coñecer e dialogar sobre os problemas e demandas do resto da veciñanza.
En resumo os Orzamentos Participativos conducen a un dialogo público sobre diñeiro, investimentos e gastos, pero tamén sobre novos espazos de participación, de profundización democrática na vida local, de participar para decidir. En definitiva supoñen unha apropiación dos asuntos públicos por parte da cidadanía, o que no fondo constitúe a esencia da democracia.
Por outra banda, Podemos – Marea de Vigo defendemos a necesidade de desconcentrar e descentralizar a xestión municipal. Para iso queremos impulsar unhas Xuntas de Distrito que serían órganos creados co obxectivo de facilitar a Participación Cidadá nos asuntos locais e achegar a administración á veciñanza das diferentes parroquias.
Para Podemos – Marea de Vigo as Xuntas de Distrito poderían converterse nun foro participativo plural onde estivesen representados proporcionalmente os grupos políticos e as entidades cidadás da súa contorna e os colectivos dos barrios.
Pensamos que as Xuntas de Distrito achegarían os servizos municipais á cidadanía, pois nas súas sedes daríase información sobre toda a actividade municipal no barrio concreto e do resto do municipio en xeral. Igualmente poderíanse presentar consultas e propostas ao Pleno da Xunta de Distrito, que posteriormente podería ser trasladadas ao pleno do Concello de Vigo.
Podemos – Marea de Vigo concibimos a cultura, do mesmo xeito que a educación, como un eixo artellador das políticas municipais. A cultura como espazo de intercambio de experiencias, como elemento dinamizador da sociedade e como medio de socialización, afastada do enfoque meramente consumista e competitivo do capitalismo. Propoñemos unha cultura creativa, formativa, que reafirme os procesos culturais de base.
Queremos garantir o acceso da veciñanza dos municipios a programas culturais integradores e de calidade, desde a hexemonía do público e coa participación do tecido sociocultural do municipio e a comarca.
Poñer en marcha un Consello Municipal de Cultura para deter o desmantelamento dos servizos públicos culturais, especialmente da rede museísca. Por iso cremos que habería que recuperar espazos culturais e museísticos que están actualmente infrautilizados e que teñen escasas visitas. Un exemplo de “museos mortos” é o Verbum. O Museo Verbum, en Vigo, un espazo destinado aos idiomas, recibe menos de 100 visitas ao mes. Nós propoñemos reactivar ese espazo. Podería converterse por exemplo nunha residencia de artistas con novas instalacións e talleres. Un lugar que acollese a creadores e artistas visuais, que servise tamén para albergar talleres e proxectos emerxentes tanto locais como nacionais e internacionais. Esa futura residencia de artistas podería incorporar programas de autoxestión, investigación ou produción artística e perfomativa. En calquera caso, os artistas podería traballar estreitamente con grupos de novos estudantes de arte e cun equipo permanente de docentes e artistas plásticos que ensinasen e producisen novas obras e creacións artísticas. Esa nova residencia de artistas contaría cun aloxamento e os artistas terían acceso, por períodos que de varios meses, a estudos compartidos, talleres de artistas, ferramentas, impresoras, materiais diversos, e recibirán asistencia na realización dos seus proxectos. Os artistas convidados participarían nos programas e actividades organizados no novo espazo do Verbum e terían a oportunidade de mostrar o seu traballo persoal en curso durante os estudos abertos.
Por todo o exposto estivemos hai días no Museo Verbum baixo o lema: Recuperemos ou Verbum… como referente museístico e cultural da cidade.
Por ultimo queremos salientar que Podemos – Marea de Vigo queremos recuperar todos os espazos infrautilizados para uso comunitario e baixo control público poñéndoos ao dispor da cidadanía viguesa de forma totalmente gratuíta. As asociacións ou colectivos sen ánimo de lucro, as organizacións sociais, sindicais ou veciñais deben ter un papel relevante no uso e xestión deses espazos museísticos e culturais.
Podemos – Marea de Vigo celebramos o Día das Letras galegas desde unha postura reivindicativa, coa vontade de defender a nosa lingua e o seu uso normalizado en todos os eidos, tamén na administración municipal, que está obrigada a potenciar a extensión e o uso normalizado da nosa lingua.
A difusión e normalización da lingua galega na Administración Pública Municipal, a capacitación lingüística do persoal que traballa en Concello de Vigo e a súa difusión e promoción deben ser unha tarefa prioritaria e irrenunciable.
O Concello de Vigo conta cun Plan de dinamización lingüística, aprobado polo pleno, que está aínda sen desenvolver. Este plan, anticipou algunhas liñas mestras do Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNL), que derrogou o PP, garante e crea ferramentas para a normalización lingüística do galego. Nós propoñemos, por tanto, defender o desenvolvemento do devandito plan que favoreza o uso e protección do galego, desde o respecto á diversidade cultural viva na nosa cidade pero consciente de que formamos parte dunha cultura e identidade singular que enriquece a todo o mundo.
A normalización lingüística é un proceso social que procura a xustiza no ámbito sociolingüístico, para que os galegos e as galegas poidamos manter a visión do mundo desde a óptica que so nos pode dar a lingua propia do noso territorio. É responsabilidade de todos e todas contribuírmos deste xeito a manter a diversidade e a riqueza lingüística e cultural do mundo, para que poidamos manter esas visións e chamarlles ás cousas cos nomes xenuínos que aquí se lles deron.
Por iso, desde Podemos – Marea de Vigo defendemos que todas as administracións, e o Concello de Vigo entre elas, teñen o deber legal e a responsabilidade social de apoiar e promover ese proceso e, así, deben implementar políticas lingüísticas activas, dinámicas e integradoras que poñan en valor a nosa lingua propia e que fomenten o seu uso e prestixio en todos os ámbitos, para procurar que o galego se use con normalidade no comercio, no deporte, no asociacionismo, entre a mocidade, nas novas tecnoloxías, no ensino, na cultura, na comunicación, no lecer, nas empresas, nos parques, os centros de saúde e calquera outro eido cotián.
Por todo o exposto, a coalición Podemos – Marea de Vigo participamos activamente na manifestación que se desenvolveu nas rúas do centro da nosa cidade durante o pasado 17 de maio e que fora convocada pola Plataforma Queremos Galego.